Pontón en Ferrol, “A todas as persoas que queren cambio dígolles que é o momento de apostalo todo ao BNG»

 “Da igual o que votaran noutras ocasións, este é o momento de que todas as persoas que queren cambio e queren abrir un tempo novo en Galiza aposten todo á papeleta do BNG”, proclamou a  candidata á Presidencia, Ana Pontón, no mitin de Ferrol celebrado na mañá deste domingo, convencida de que o Bloque é a menos dunha semanas das cita coas urnas a forza que representa “a esperanza para todos os galegos e galegas que queren unha Galiza mellor”.

Nun Auditorio Municipal ateigado, a candidata á Presidencia destacou a corrente de ilusión e de esperanza que se está concentrando arredor do BNG para a partir do 18-F empezar a construír “a Galiza que queremos e que soñamos”. Unha corrente de cambio dixo, que se sinte na rúa, e que medra día a día. Por iso, apelou, “é importante que ningún voto do cambio quede na casa, que ningún voto do cambio se perda o próximo domingo”, remarcando que ese día o futuro de Galiza pode decidirse por uns poucos votos.

O 18-F unha presa de votos poden decidir se seguimos cun presidente que se apelida Rueda ou se Galiza ten unha nova presidenta que se apelida Pontón”, afirmou, para subliñar a continuación a importancia da participación masiva e de que o voto se concentre no BNG como “a opción de cambio”.

Pontón dirixiuse á maioría social que quere pasar a páxina da Galiza gris e en pequeno que deixa o PP, que xa demostrou que “non ten nin proxecto,  nin ideas nin ilusión polo País”.Desde a humildade, pídolle que me permitan ser a súa presidenta e poñer en marcha unha Galiza mellor”, apuntou apelando a toda a xente que está esperanzada co cambio.

Este 18 de febreiro podemos facer historia e ter por primeira vez a unha muller presidenta”, declarou, con capacidade, ambición e proxecto para abrir un tempo novo que deixe atrás a Galiza en pequeno de quince anos de Partido Popular. 

Quero ser a presidenta dos galegos e das galegas para defender a sanidade pública, para poñer en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida  nas súa casa; para darlle oportunidades á xente nova para que teña futuro aquí e non se vexa na obriga de emigrar e para seguir construíndo unha Galiza que aposte pola igualdade e polo feminismo”, destacou no mitin, no que tamén interveu o candidato pola comarca, Ramón Fernández Alfonzo, e a candidata Sandra Permui.

Pontón afirmou que o que están reflexando as enquisas electorais é  un escenario aberto e que o resultado dependerá de que ese 20% de persoas indecisas “collan a papeleta do BNG”. “Se toda a xente que quere cambio une o seu voto no BNG, o 18F o PP pasa á oposición e imos ter unha presidenta que vai traballar para darlle un futuro mellor aos galegos é as galegas”, incidiu.

Neste sentido, lembrou que nas pasadas eleccións xerais había moitas enquisas que situaban a Núñez Feijóo “sentado na Moncloa pero está na oposición”, polo que advertiu que en Galiza “hai partido” e insistiu en que o reto é “transformar as ganas de cambio en votos, unindo na papeleta do BNG a todas as persoas que queren ese cambio”. “Animo a que toda a xente que quere que este País teña un goberno mellor, o 18 de febreiro o aposte todo á papeleta do BNG porque é a que garante que imos abrir un tempo novo”, apelou.

Rueda escóndese dos debates

A candidata nacionalista retou de novo ao PP a que “deixe de esconder ao seu candidato” nos debates electorais e a Alfonso Rueda a acudir aos mesmos porque estes son “un dereito da cidadanía”. “O señor Rueda non lle está dando plantón ao BNG ou aos medios, estalle dando plantón aos galegos e ás galegas”, indicou, recalcando que “en democracia, quen non debate, non respecta á cidadanía”.

Pontón confirmou de novo a súa asistencia tanto ao debate convocado por TVE como ao cara a cara proposto pola Cadena Ser entre o presidente da xunta e a líder da oposición.

Mellorar as conexións ferroviarias, rexenerar a ría e máis vivenda pública en Ferrol

Na súa intervención, Pontón destacou algunhas das medidas de goberno para Ferrol e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o executivo que aspira a presidir e entre as que destacou a mellora das conexións ferroviarias, a rexeneración da ría e o impulso á vivenda pública.  

Pontón avogou por darlle a Ferrol un goberno comprometido coa xente e que traballe para mellorar a vida das persoas como, por exemplo, facilitando o acceso a unha vivenda digna. Neste sentido, avanzou que un executivo BNG porá en marcha un plan de mobilización de vivenda baleira que pasa pola compra de inmobles baleiros para poñer no mercado vivenda pública a prezos limitados que as familias e a xente moza poida pagar cos seus salarios. Segundo explicou, é unha fórmula máis rápida e máis sostible de dar resposta á necesidade de vivenda, sobre todo nun Ferrol que ten máis de 11.000 pisos baleiros. 

Entre as súas prioridades de goberno, tamén adiantou a posta en marcha dun plan de saneamento e recuperación das rías, actuación que permitirá impulsar a actividade económica da comarca e que está pendente dende hai 15 anos por un goberno do PP cuxo desleixo trouxo como consecuencia unha drástica perda de produtividade e de emprego.

Ferrol e a súa comarca tamén precisan modernizar infraestruturas, sobre todo por tren, indicou para defender a mellora das conexións entre Ferrol e A Coruña con máis frecuencias e máis horarios, rebaixando os tempos de viaxe. Con este obxectivo, o BNG creará o GALTREN, ente público a través do que se desenvolverán os servizos ferroviarios en Galiza e a través do que se porá en marcha un servizo de proximidade entre Ferrol e A Coruña para conectar a unha área de máis de 400.000 habitantes.

En relación ao sector naval, clave na reactivación económica de Ferrolterra, a candidata nacionalista reiterou o compromiso do Bloque para defender que os estaleiros de Navantia se abran á construción naval civil e non queden limitados á construción militar.

Compromiso para corrixir as deficiencias dos centros educativos de Narón

Previamente ao mitin e acompañada polo candidato Ramón Fernández Alfonzo e a portavoz municipal, Olaia Ledo, Pontón mantivo un encontro con pais e nais de distintas ANPAS dos centros educativos de Narón, nos que estudan 3.300 nenos e nenas, unha reunión na que recolleu as demandas das ANPAS e se comprometeu a corrixir as deficiencias dos centros educativos da localidade.

Neste sentido, considerou inaceptable que haxa alumnos e alumnas estudando en aulas nas que chove e reprochou ao PP que nos seus quince anos de goberno non fixera máis que recortar no público para beneficiar á privada.

 

Lea también

Los gallegos dieron, de nuevo, la mayoría al Partido Popular

El PP se mantiene, sube el BNG y batacazo histórico del PSOE Tras el recuento …