Ambicioso programa en Ferrol para celebrar o Entroido

Este domingo 11 dará comezo a axenda festiva do Concello de Ferrol con motivo do Entroido 2024, que contén propostas para todos os públicos

O domingo celebrarase unha festa infantil de temática circense na praza de Armas, en horario de 17:00 a 20:00 horas. Haberá glitter bar, obradoiros de galletas, maquillaxe, chapas e antefaces; xogos populares, Cantabaila, photocall, camas elásticas, larpeiradas e máquina de flocos de millo.

O luns 12 a praza de Armas volverá ser o epicentro dos festexos no día grande do Entroido. De 12:00 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:00 horas, ou ata agotar existencias, haberá filloas de balde. Ás 18:00 horas dará comezo o desfile de 15 comparsas e animación polas rúas do barrio da Magdalena.

A comitiva partirá da praza de España con paso polas rúas Real, Méndez Núñez, Arce, praza de Amboage, Dolores e Armas. Tras o pasarrúas, dará comezo a Gala e concurso de Entroido, no que participarán 15 comparsas de Ferrolterra, así como grupos, parellas e persoas a título individual.

Ambos días haberá un tren turístico a disposición da cidadanía.

Como é tradición, o Entroido pecharase o venres 16 na praza de Ultramar. Nesta ocasión, haberá unha festa infantil de 17:00 a 19:30 horas, neste caso con temática de superheroes, na que tamén haberá glitter bar, obradoiros, Cantabaila ou photocall, entre outros. A festa estará seguida polo tradicional pasarrúas polo barrio, con 17 comparsas, a partir das 20:15 horas, que realizarán un percorrido polas rúas Venezuela, Sánchez Calviño, Paraguai, Nova de Caranza, República Arxentina, Venezuela e praza de Ultramar. Estará seguido pola gala de Entroido e o enterro da Sardiña.

O Concello de Ferrol anima aos veciños da cidade a tomar parte nestas festas e a acudir disfrazados ás distintas citas propostas neste Entroido 2024, que foron configuradas en consenso coa agrupación de comparsas e coa AVV de Ultramar.

Lea también

Psoe Ferrol urxe a reparación e mantenemento dos espazos culturais

A concelleira socialista Montserrat Dopico insta ao goberno de Rey Varela «a acometer as obras …