Catorce establecementos participan no IX Concurso de tapas de Entroido de Narón

A novena edición do Concurso de tapas de Entroido organizado polo Concello de Narón comeza este xoves 8, tal e como recordou a edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, en catorce establecementos de hostalería da cidade.

Ata o 15 de febreiro, incluído, as persoas que o desexen poderán degustar, por un prezo de dous euros, algunha das tapas, doces ou salgadas, que se cociñarán para a ocasión. No mesón O Tapeo poderase degustar “Tacocido”; no bar A Toxiña, “A Torrelliña”; no Mesón Con Arte, o “Freixó con arte”; no Nueva Orleáns, “Pincho de porco”; na cervexaría Australian, “Porco refinado”; en Casa Sindo, “Cocido tapado”; en El Olivo, “Dim sun afumado de cachola e chutney de repolo e membrillo”; en Fame Kanalla, “Sempre me comes a orella”; en Confeitura, “Torrada Confeitura”; no Silver, “Pizza artesana de Entroido con grelos»; no Bar Tauro, “Freixós recheos de carne”; na Roldana, “Tosta de cocido”; no Colonial, “Empanadilla do Entroido” e en Mamá Flora, a “Torrada Mamá Flora”.

Entre as 13:00 e as 15:00 horas e de 20:00 a 22:00, nestes locais serviranse as tapas coas que os locais participan na novena edición do certame. A través das redes sociais do Concello e de Narón Gastronómico pódese consultar o mapa no que se especifican as ubicacións concretas e tapas que se sirven en cada establecemento, e tamén mediante o código QR que se entrega coas consumicións nos locais participantes.

Un xurado popular votará as diferentes elaboracións a través do código QR que figura no cartel de cada establecemento participante, que os redirixe a un sinxelo formulario no que puntuarán o petisco con entre 1 e 5 puntos.

Nese formulario, tal e como indicou a edil de Promoción Económica, deberán indicar tamén o seu nome e apelido e un teléfono de contacto para participar no sorteo das tres ceas, valoradas en 100 euros cada unha, que se concretarán antes do 15 de marzo nalgún dos establecementos participantes, a elixir pola persoa premiada.

A maiores un xurado profesional, integrado por tres persoas de recoñecido prestixio e experiencia no mundo da hostalería, participará nunha cata a cegas que se programou no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, para puntuar, tamén de 1 a 5, aspectos como a presentación, o sabor e aroma, a elaboración e técnica e o emprego de produtos de tempada de cada tapa.

Os hostaleiros e hostaleiras participantes optarán tamén a premios, neste caso en metálico, de 500 e 300 euros.

Lea también

Los bomberos de Narón sofocaron un incendio en una vivienda de la calle San Benigno

Los bomberos de Narón realizaron una intervención cerca de las diez de la noche de …