O Cocido Interxeracional de Entroido celébrase en Neda o 25 de febreiro

O Cocido Interxeracional de Entroido xa ten data. Celebrarase o domingo 25 de febreiro, a partir das 14:00 horas, no seu escenario habitual, o pavillón municipal Ale de Paz. Trátase dun encontro veciñal ao redor da mesa para degustar os produtos típicos destas datas e compartir unha xornada festiva, con actuación musical incluída.

Así, as persoas interesadas en asistir poden retirar os seus tickets no departamento municipal de Servizos Sociais ata o venres 23 de febreiro. O prezo para os residentes en Neda menores de 14 anos é de 10 euros, e de 20 para os maiores desa idade. Así mesmo, no caso de veciños doutras localidades, o custe é de 25 euros.

O menú da xornada inclúe sopa e cocido a base de grelos, patacas, lacón, costela, panceta, orella, chourizo e tenreira. Complétase con refrescos, viño e auga, torradas de sobremesa e café. Ao remate do xantar, dará comezo a actuación de Jorge Latino, con propostas musicais para todos os gustos, clásicos e temas actuais.

Por último, e como vén sendo habitual, no transcurso da cita sortearase entre os asistentes diferentes cestas con produtos típicos destas datas.

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …