Este xoves presentouse o libro de Antón Cortizas “Os versos da Mariola» (Entrevista co autor)

Antón Cortizas: “Os versos da Mariola é un libro escrito para xogar e ler, escrito por un adulto que pode ser lido pola infancia”

Joaquín Enríquez Díaz

Antón Cortizas ben de publicar a través de Edicións Embora o seu último libro “Os versos da Mariola”, premio Arume de poesía para infancia 2022 da Fundación Neira Vilas e a asociación Galega do libro Infantil e Xuvenil (GALIX). Previo á súa presentación no Centro Cívico de Canido, que tivo lugar este xoves 1 de febrero ás 20:00 conversamos co autor e mestre ferrolán.

Joaquín Enríquez.- Que nos atopamos en “Os versos da Mariola”?

Antón Cortizas.- A Mariola é un xogo tradicional, é o xogo da chapa, e este libro non deixa de ser un xogo. Os versos atópanse dispostos de maneira que o lector lea e xogue coa lectura. A lectura é un xogo. A maneira de ler este libro é xogar e ler. Por exemplo, no poema “A Mariola Múltiple”, dividido en catro cadros con dez versos idénticos, son os mesmos versos nos catro cadros pero están escritos en distinta orde, de feito eu leo o primeiro verso e xa me di “tanto ten por onde empeces a xogar por estes versos…”. Esta é unha forma de creación literaria chamada “Os centóns”, que consiste en que ti podes coller versos dun poemario calquera, poñelos en diferente orde ó chou, pero sempre terán sentido, saeche sempre un poema. En definitiva xogar lendo.

J.E.- Os versos da Mariola veñen de recibir o premio Arume de poesía infantil. ¿É un libro de literatura infantil ou é para todo o mundo?

A.C.- É un libro para todo o mundo. Pensado dende min, pero que pode ser lido pola infancia, ademais venme pola miña profesión de Mestre. En definitiva, podemos dicir que é un libro escrito por un adulto que pode ser lido pola infancia.

J.E. No libro ademais podemos atopar ilustracións de Andrés Meixide, que van moi ben cadradas cos versos. Como foi o proceso de pensar os versos e as imaxes?

A.C.- O deseño como ven dis é argallado por Andrés Meixide, un gran ilustrador de Vigo, mais eu indiqueille un pouco como debería ir escrito, coas miñas instrucións. Emprego os deseños tradicionais da mariola en tódolos poemas. Por exemplo, temos un poema do castro que comeza con algo moi galego “Camiño do castro topei una tella hei de ir xogar á Mariola con ela”. Entón o gráfico refirese a un castro no que van escritos os versos.

J.E.- Falamos de ler xogando, pero ademais o libro pretende que cada un dos poemas transmita algo ó lector? Pretendes que o lector reflexione?

A.C.- Así é, por exemplo un dos poemas “A Mariola do alfabeto” pretende transmitir algo moi importante, que é que todos somos necesarios. Un alfabeto sen una letra non vale, pois na vida ocorre o mesmo. Todos somos imprescindibles, e mediante a metáfora
podemos transmitir moitas cousas. O millonario máis importante do mundo non pode vivir sen a señora que planta leitugas, todos somos importantes. Tódolos poemas pretenden transmitir valores positivos e facer reflexionar ó lector.

J.E.- Voltando ó que comentábamos ó comenzo desta entrevista, trátase polo tanto dun libro que non teríamos porque enmarcalo necesariamente en literatura infantil?

A.C.- A poesía infantil por chamarlle de esta maneira está infravalorada. Está feita por persoas adultas. Eu cando escribo para nenos e nenas a penso como literatura ou lectura en xeral, que tamén poden ler as crianzas. Eu desfruto lendo libros de literatura infantil.
Non debemos infravalorar as cousas porque traten unha determinada poboación. Cando se escribe para crianzas non se aforra vocabulario, os nenos e nenas entenden tamén ás metáforas e as interpretan a súa maneira, como tamén facemos as persoas adultas, que é o bonito diso. A literatura infantil non di banalidades nin parvadas, ten un fondo importante.

J.E. Este libro xa leva varios anos escrito e ademaisrecibiu o premio Arume da literatura infantil…

A.C. Si, presentouse no 2022 e recibiu ese premio Arume. Para min os premios literarios son coma unha lotaría que as veces toca. E a min esa lotaría por sorte tocoume varias veces. Este ano ven de fallarse o premio Arume 2023 e como este libro aínda non estaba editado presentouse coincidindo co fallo e entrega do premio da edición de este ano.

Este xoves o libro foi presentado por Miguel Toval, de Embora e Pilar Sampedro,da Fundacion Neira Vilas.  

Lea también

Clausura da II edición das Residencias Artísticas Mariñán

A segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán, organizadas pola área de Cultura da Deputación da …