Aberta en Narón a inscrición no “IX Concurso de tapas de Entroido”

O Concello de Narón abriu o prazo de inscrición na novena edición do “Concurso de tapas de Entroido” que se celebrará o vindeiro mes de febreiro na cidade.

A concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, convidou aos hostaleiros da cidade a sumarse a esta iniciativa gastronómica que ten entre os seus obxectivos dinamizar o sector durante a tempada de Entroido.

O certame desenvolverase do 8 ao 15 de febreiro, un periodo no que nos locais participantes se deberán servir as tapas, valorándose o uso de produtos típicos da tempada de Entroido. Unha das novidades deste ano, tal e como se reclamaba dende o sector, é que a clientela terá que abonar dous euros por cada unha das tapas. Cada establecemento poderá presentar ao certame unha única tapa, que pode ser doce ou salgada.

O certame contempla dous premios en metálico para os establecementos participantes que decidirá un xurado profesional e outro popular, un de 500 euros e outro de 300, e tamén tres ceas para a clientela, valoradas en 100 euros cada unha, que deberán ter lugar como prazo máximo ata o 15 de marzo nalgún dos establecementos de hostalería que participen na campaña.

Aqueles establecementos interesados en participar deberán anotarse, ata o 2 de febreiro ás 12:00 horas,  a través do correo electrónico: me.mendez@naron.gal, indicando o seu nome e apelidos, un teléfono de contacto, o nome do establecemento hostaleiro e a dirección, o nome da tapa coa que participarán e os seus ingredientes (especificando alérxenos) e o horario de servizo.

Tamén se pode solicitar máis información a través dese mail ou chamando por teléfono ao número 981 337 700 (extensión 1204).

“Queremos animar aos hostaleiros e hostaleiras locais a sumarse a esta iniciativa, que todos os anos ten moi boa acollida e a través da que queremos poñer en valor a variedade e calidade da hostelería local, un sector cunha ampla representación e que ofrece produtos de gran calidade á clientela”, asegurou Olga Ameneiro.

A concelleira naronesa agradeceu de antemán “o respaldo que o sector ofrece a este tipo de iniciativas impulsadas dende o goberno local e a súa vontade para traballar conxuntamente e ofrecer iniciativas como estas ós veciños non só de Narón senón tamén doutros concellos que queiran achegarse a degustar, neste caso, esas tapas de entroido”.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …