Na sesión plenaria deste xoves aprobouse a participación do Concello de Narón no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) “POS+2024”–coa abstención dos edís do BNG- e o “POS+2024 Adicional” da Deputación da Coruña –este último por unanimidade-. O edil de Facenda, Román Romero, explicou que no marco destes plans se realizarán investimentos na cidade por un importe conxunto de algo máis de 1.185.000 euros.
A maiores de financiar gastos de limpeza viaria, dende o goberno local priorizouse con cargo ao “POS+2024” a execución de tres obras: a reforma das pistas de atletismo e a homologación das instalación deportivas do estadio de Río Seco -141.335 euros-; o acondicionamento do local social da Gándara -166.589 euros-; a reposición de pavimentos nos camiños de Salgueiral, As Cobras e outros -174.999 euros-. Así mesmo, con con cargo ao “POS+2024 Complementario” proxectouse a ampliación da rede de saneamento na parroquia de Sedes (Placente) -702.572 euros-.
A maiores, saíu adiante a participación do Concello no “POS+Adicional 2024” da Deputación da Coruña para financiar gastos sociais extraordinarios por un importe conxunto de 172.965,65 euros. Con cargo a esta partida ampliarase o servizo de axuda no fogar, en atención de carácter básico e complementario.
Na sesión plenaria se aprobou, coa abstención do BNG, o convenio con Sogama para a xestión, transvase, tratamento e valorización da fracción orgánica de residuos sólidos urbanos. Esta medida é un paso previo á entrada en funcionamento, este mesmo ano, do contenedor marrón, no que se depostitarán eses residuos.
No apartado de mocións, aprobouse, coa abstención dos edís do PP, a presentada por TEGA, PSOE e BNG para instar ao Servizo Galego de Saúde a reforzar con carácter de urxencia o persoal do centro de saúde de Narón, tanto facultativos médicos como administrativo, e en apoio ás reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública. Así mesmo, solicítase á Xunta que se convoquen novas prazas e se cubran vacantes de persoal médico, enfermería e administrativo do centro de saúde de Narón.
A moción do PP para poñer Narón en valor a través dos seus camiños saíu adiante cos votos favorables dos tres grupos da oposición, PP, PSOE e BNG.
Pola súa banda, o BNG presentou unha moción para reclamar “de maneira inmediata” á Xunta máis persoal e máis horas de limpeza no CPI do Feal que saíu adiante coa abstención dos edís do PP.