Inscricións en Cedeira para participar no concurso de disfraces

O Concello de Cedeira incrementa este ano sustancialmente a contía dos premios do concurso de Entroido, ata sumar 5.590€ que se repartirán nas categorías de comparsa, grupo, parella ou individual, ás que se engade este ano por primeira vez a de asociación ou centro educativo.

A maiores, as modalidades que abranguen a participación de máis de tres persoas poden sumar tamén o de “carroza”, para aqueles que leven un carro, plataforma… algún elemento móbil en relación coa temática do disfraz. A inscrición está aberta ata o vindeiro 8 de febreiro e o desfile será o día 10.

Segundo establecen as bases, que están xa colgadas no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, as modalidades de participación no concurso de disfraces son as seguintes:

Comparsa: para conxuntos cun mínimo de dez persoas, entre os que se repartirán tres premios dotados con 1.200, 1.000 e 800€.

Grupos: entre 3 e 9 integrantes e tres premios de 600, 400 e 300€.

Asociacións ou centros educativos: esta categoría existe por primeira vez este ano, para conxuntos con máis de dez compoñentes ligados a unha entidade do municipio. Neste caso haberá un único premio de 300€.

Parella: nesta categoría fallaranse tres premios de 200, 150 e 100€.

Individual: haberá tres premios de 100, 80 e 60€.

Carrozas: esta é unha categoría nova, dotada cun premio de 300€, que pode complementar aos premios das categorías anteriores e que valorará o uso dun carro, ou plataforma ou elemento móbil en relación coa temática do disfrace.

A inscrición deberá facerse cubrindo a solicitude, anexa ás bases, e presentándoa no Rexistro Municipal antes das 14.00h do día 8 de febreiro, actuando unha persoa como representante no caso das participacións colectivas. Os menores que concurran nas categorías de parellas ou individuais tamén deberán contar co permiso do representante legal.

O desfile de disfraces celebrarase o 10 de febreiro. A estación de autobuses será o punto de reunión, ás 17.30h, e desde alí desenvolverase un percorrido polo casco urbano que rematará na praza Roxa, na que os grupos poderán ir facendo os seus bailes ou cantando para obter mellor puntuación.

O xurado valorará, no caso das categorías de comparsa, grupos e asociacións, o vestiario, maquillaxe, traballo feito a man, emprego de materiais de refugallo, orixinalidade, uso de carroza ou similares, a coreografía (letras e música empregadas), a simpatía e o número de participantes.

En parellas e individuais se terán en conta todas elas agás a carroza e a coreografía, e as carrozas terán unha puntuación aparte, para o fallo do seu premio, segundo o traballo feito a man, o uso de materiais de refugallo, a orixinalidade, o uso que se faga dela no desfile e a súa estrutura.

O fallo do xurado darase a coñecer na verbena que o Concello programará a continuación do desfile na praza Roxa. Desde o goberno local faise un chamamento á participación no desfile de disfraces, unha ocasión para gozar do bo humor e de impulsar unha tradición de sempre.

O desfile de disfraces abrirá o programa de Entroido en Cedeira, con diferentes actividades ata o día 14.

Lea también

Herida leve una persona después de que un tren arrollase las ramas de un árbol circulando por Ortigueira

Una persona ha resultado herida leve en la tarde de este viernes después de que …