O Concello de Narón e a Asociación Memoria Histórica Democrática organizaron varios actos con motivo do Día Internacional en memoria das vítimas do Holocausto, que se conmemora cada 27 de xaneiro.
As propostas deseñadas incluíron xa o pasado venres unha charla obradoiro a cargo do historiador Enrique Barrera no colexio Jorge Juan e tamén dende este luns 22 se pode visitar na Biblioteca municipal a exposición “Galegos en Mauthausen”, tal e como indicou a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Olga Ameneiro.
A mostra fotográfica está ubicada na sala multiusos da planta soto da Biblioteca e permanecerá nas citadas instalacións municipais ata o 30 deste mes. As persoas interesadas en acudir poden facelo de luns a venres, en horario de 17:00 a 20:00 e tamén o sábado de 10:00 a 13:00 horas.
A mostra está composta por 40 imaxes que amosan as duras condicións de vida no campo de concentración e tamén hai documentación (cartas, imaxes…) de españois e españolas presas.
A edil de Ensino e Bibliotecas informou que dende a Asociación Memoria Histórica Democrática se ofrece á cidadanía a posibilidade de facer visitas guiadas a esta mostra, solicitándoo previamente. Centros escolares, asociacións, grupos particulares… poden solicitar esas visitas guiadas chamando ao número de teléfono 981 382 173 no horario de apertura da Biblioteca.
Este mesmo venres, día 26, tamén se programou unha visita guiada, con alumnado de cuarto curso de ESO do colexio Jorge Juan (algo máis dunha vintena de persoas, entre alumnado e persoal docente), que dará comezo ás 10:50 horas.
A continuación, o Concello acollerá, ás 12:00 horas, un acto para conmemorar o Día Internacional en memoria das vítimas do Holocausto, que consistirá nunha ceremonia simbólica de acendido de velas en recordo das vítimas e no que participarán as alumnas e alumnos que previamente realizaron a visita guiada, así como representantes da corporación local e da Asociación Memoria Histórica Democrática.