O primeiro dos proxectos deseñados, cuantificado en 54.075,14€ (IVE incluído), contempla actuacións nas vías de comunicación de leiras de concentración parcelaria de Lamas, San Sadurniño e Bardaos.
A de maior distancia, algo máis de 1,1 quilómetros, será a reparación do trazado entre Ramil e o Chao de Lamas, seguida preto de alí da nova pavimentación da pista de Prospes, de 966 metros. Dentro deste paquete entran tamén outros 340 metros doutro camiño na Bañoca, en Bardaos.
O segundo dos proxectos ascende a 54.041,96 euros, impostos incluídos, e céntrase na comunicación da Pardiñeira e o Carbeiral, cunha distancia de 507 metros, e na reparación dunha pista de 541 metros no lugar da Sanguiñeira, ambas en Bardaos. No programa vai tamén o enlace entre as Leiras e Vilela, en Lamas, sobre unha distancia de 1.049 metros.
O terceiro grande proxecto viario que se acollerá ás axudas autonómicas cofinanciadas polo FEADER diríxese a camiños das concentracións de Santa Mariña e San Sadurniño.
Son tamén tres: o eixo Calvelas, Corripa e a Lobeira, de 1,4 quilómetros; a pista de Vilachá (340 metros) e o camiño de Pontellas, de 354 metros. Neste caso o importe da obra está orzamentado en 65.479,27 euros, IVE e outros gastos incluídos.
A suma económica total quedaría, polo tanto, en 168.756,37 euros, dos cales se cubrirían 139.468,08 coa subvención tramitada pola Consellaría do Medio Rural, que non financia o IVE nin tampouco outros conceptos como a redacción do proxecto ou a dirección de obra.
É dicir, á espera de como queden finalmente os importes de adxudicación das obras, o Concello asumiría pola súa conta algo máis de 29.000 euros. Unha contía que, segundo o alcalde, Secundino García, “é perfectamente asumible polo Concello se temos en conta que imos renovarlle o pavimento a máis de seis quilómetros de pistas que presentan danos importantes”.
O rexedor destaca, ademais, “o importante beneficio social tanto para as explotacións agrogandeiras como para a xente que vive nas zonas de actuación” dado que, segundo asegurou “polos camiños que imos reparar sérvense preto de 250 veciños”
O Concello xa presentou a solicitude da axuda preconcedida así como os proxectos correspondentes, axustados aos requisitos de Medio Rural. A adxudicación dos fondos europeos rexeuse por distintos parámetros, como a base territorial, as unidades de gando maior de bovino ou a porcentaxe de uso da terra.
“Hoxe mesmo tramitamos a solicitude da axuda dentro de prazo, e en paralelo xa iniciamos o procedemento administrativo para licitar as obras, que se publicarán en breve na Plataforma de Contratación co obxectivo de que poidan comezar a executarse o antes posible”, conclúe García.