O grupo socialista ferrolano, a través do concelleiro Julián Reina, vén de reclamar ao goberno de José Manuel Rey Varela que inclúa en cada unha das comisións informativas os decretos relativos a cada área, así como se dea conta das diferentes medidas e contratos impulsados cada semana polas diferentes concellerías.
Refírese o edil en concreto ao punto que, despois da aprobación do novo regulamento de réxime interno, consta na orde do día das comisións baixo o epígrafe de «Control e seguimento da xestión» e que, como subliñou, agás nunha comisión de Cultura xusto en canto entrou en vigor dito documento, vai baleiro de contido.
Unha circunstancia que xustificou o teniente de alcalde e responsable de Participación, Javier Díaz Mosquera, aludindo a un informe municipal, que Reina non cuestiona pero si matiza.
«O regulamento contempla, como ferramenta de acceso á información e fiscalización por parte da oposición, a inclusión dese punto na orde do días das comisións, e que ese punto se dote ou non de contido depende da vontade do goberno, non de informes, que en ningún momento impiden este extremo aos responsables municipais», dixo o edil socialista, que asegurou que a opción que plantexa o PP, a de pedir os asuntos e resolucións unha vez que xa teñan sido publicadas ou incluidas na orde do día do pleno de cada mes, «non é outra cousa que limitar e dificultar ao máximo o traballo da oposición e, dende logo, é un ataque á transparencia da xestión en toda regra».
Reina subliña que o grupo socialista apoiou a aprobación e desenvolvemento deste regulamento, «copia case exacta do que levara o goberno de Vicente Irisarri», porque «pensabamos que se ía cumprir como se falara e mesmo como se prometeu nas sesións plenarias nas que se abordou, e non como ferramenta ao servizo do PP para limitar o acceso á información e á participación cidadá, comezando polos propios grupos da oposición».
«Semella que, por desgracia, o único obxectivo que tiña este regulemento era o de reducir os tempos das intervencións nos plenos e, sobre todo, poder contratar a persoal directivo a dedo», manifestou Julián Reina.