O pavillón da Mocidade de Narón acolle a “XVI Festa do cocido” da Gándara

A concelleira de Festas do Concello de Narón, Mar Gómez, presentou xunto con Javier Freire, presidente da AVV Santiago Apóstol da Gándara, Francisco López e Juan Carlos Fernández, directivos da entidade, a décimosexta edición da Festa do Cocido da Gándara.

A celebración terá lugar o vindeiro 10 de febreiro a partir das 13:00 horas e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse no local social da Gándara, de luns a venres de 10:30 a 12:00 e de 19:00 a 21:00 horas, ata o vindeiro 2 de febreiro, ás 22:00 horas.

A celebración gastronómica inclúe un menú a base de sopa, cocido, sobremesa e bebidas a un prezo de 17 euros para os socios da AVV Santiago Apóstol e de 22 para as persoas que non están asociadas á entidade. Así mesmo, hai opción dun menú infantil, a un prezo de 5 euros.

O evento levarase a cabo no pavillón da Casa da Mocidade, no que tamén haberá música en directo, tal e como avanzaron dende a organización.

As persoas interesadas en obter máis información poden contactar coa organización a través do teléfono 603 742 624 ou consultar as redes sociais da entidade veciñal (Facebook da AVV Santiago Apóstol da Gándara e Instagram A.VV. Gándara.

Dende o Concello e a organización animaron á cidadanía a acudir a esta cita gastronómica, da que a edil de festas salientou que “constitúe todo un referente entre os eventos que anualmente se organizan nesta parroquia da cidade, unha das máis poboadas”.

Lea también

72 persoas participan en Narón nos obradoiros do proxecto municipal aCLIMAtarnos

A Casa da Mocidade acolleu o primeiro dos obradoiros do proxecto “aCLIMAtarnos”, sobre concienciación ambiental …