O toelo ou pedra de Moeche, obxeto de investigación científica

Os afloramentos de toelo son elementos destacados no Xeoparque do Cabo Ortegal. Trátase dun tipo de rocha que asociamos coa cantaría ornamental, representada en cruceiros, linteis de portas e fiestras, balaustradas, baños de salgar, etc., pero tamén co seu uso como material refractario para a industria metalúrxica.

En Moeche medrou durante o século XX toda unha actividade arredor deste material tan característico e case exclusivo na nosa zona que, porén, aínda non fora suficientemente estudado desde o punto de vista científico de cara a analizar as súas características físicas e químicas, que varían moito duns territorios a outros.

Ese foi un dos obxectivos da investigación desenvolvida por un equipo coordinado pola profesora da UDC e secretaria xeral da Real Sociedade Española de Física, Ana Jesús López, no que tamén participaron expertos da Universidade de Salamanca, da UVigo e da Universidade de Calabria, en Italia.

O Concello de Moeche colaborou co proxecto na obtención de mostras e tamén na procura de financiamento a través da Sección de Turismo da Deputación da Coruña, ademais de promover a súa integración nos cometidos científicos e de divulgación do propio xeoparque. 

Tal e como sinala Ana Jesús López, as serpentinitas, o tipo de rocha na que se encadra o toelo ou pedra de Moeche «son moi apreciadas non só pola súa complicada historia xeolóxica, senón pola súa beleza. Utilizáronse en todo o mundo para construír o patrimonio arquitectónico de diferentes países (por exemplo, Italia, India, Paquistán, Guatemala, Estados Unidos de América e España)».

Porén, segundo a investigadora, algunhas destas rochas poden ter na súa composición «substancias daniñas» para o persoal que traballa en canteiras ou na construción, restauración e conservación de patrimonio. Iso si, non todas as serpentinitas son iguais e tampouco todas teñen presentes materiais perigosos.

Aí foi, precisamente, onde se enfocou a investigación desenvolvida recentemente polo equipo internacional, quen analizou a composición física e química de mostras tomadas nos afloramentos das canteiras da Ferraría, de Penasalbas e Balbina, esta última situada nas Somozas.

O primeiro resultado obtido foi o das «importantes diferenzas» de cor, dureza e textura ao tacto entre as tres mostras, malia pertenceren a unha mesma formación xeolóxica. Unhas diferenzas confirmadas tamén nas distintas composicións observadas ao microscopio e con análises mediante raios X.

O segundo grande resultado da análise e comparación de mostras foi a confirmación da baixa presenza de materiais perigosos, como por exemplo o amianto ou metais pesados, así como o feito de que as serpentinitas aparecen asociadas a «rochas talcosas» de grande potencial «como material de talla e para cerámica […] que podería desencadear unha actividade artesanal na zona, vinculada á economía local que de seguro florecerá apoiada no recoñecemento da zona como Xeoparque Global da Unesco».

Colaboración municipal

Ana Jesús López presentoulle hai case dous anos ao Concello de Moeche a idea de levar a cabo este estudo que, en definitiva, serviu para definir con máis detalle as características do toelo e dos minerais asociados a el.

O obxectivo foi científico, pero tamén de desenvolvemento socioeconómico, formulando a partir del posibles novos aproveitamentos destes materiais «que contribúan a un desenvolvemento sostible do territorio», apunta Beatriz Bascoy.

«Non se van reactivar as canteiras, posto que o propio estudo indica que a explotación do toelo refractario ou ornamental xa non é unha opción rendible. Tampouco semella que o talco sexa interesante para a grande industria, nin por cantidade nin pola complexidade do seu tratamento. Pero a investigación apunta como posibilidade, como idea, o seu uso a pequena escala en artesanía, nada máis».

«Por outra banda, prosegue Beatriz Bascoy, a investigación coordinada pola UDC é un documento de alto valor científico que nos permite coñecer mellor o toelo e seguir ampliando e divulgando cousas sobre a riqueza e a diversidade xeomorfolóxica do Xeoparque do Cabo Ortegal«.

Na elaboración do estudo participaron Ana Jesús López Díaz e Alberto Ramil Rego por parte da UDC, Dolores Pereira Gómez (Universidade de Salamanca), Teresa Rivas Brea (Universidade de Vigo) e Andrea Bloise, da Universidade de Calabria (Italia).

O Concello de Moeche colaborou xestionando permisos e facilitando mostras, pero tamén mediando na obtención do financiamento proporcionado pola Sección de Turismo da Deputación da Coruña.

Tanto Teresa Rivas como Ana Jesús López son membros do Comité Científico do Xeoparque do Cabo Ortegal e, neste sentido, o proxecto encádrase no labor de investigación científica e divulgación que han de desenvolver todos os xeoparques mundiais da UNESCO.

Lea también

Amplíase o Bono Activa Comercio con outros 2,5M€

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, invitou a sumarse á campaña do …