O programa «Academia Ares xSalud» fomenta hábitos saudables

A concellaría de Benestar e a concellaría de Deportes do Concello de Ares organizan a iniciativa «Academia Ares xSalud», un programa educativo deseñado para fomentar e mellorar hábitos saudables na localidade.

«Academia Ares xSalud» eríxese como un espazo municipal dedicado á realización de actividades educativas centradas na promoción da saúde na poboación do noso municipio. O proxecto ten como obxectivo fomentar actitudes, coñecementos e hábitos de vida saudables; detectar e eliminar comportamentos de risco; así como previr o desenvolvemento de enfermidades crónicas e promover estilos de vida saudables.

O programa «Academia Ares xSalud» consta de seis charlas mensuais dirixidas por expertos en saúde, quen abordarán diversos aspectos desde unha perspectiva multidisciplinaria. As datas e temas das charlas son as seguintes: o 19 de xaneiro, «Saúde infantil vs. Adultos sans»; o 9 de febreiro, «Maiores e dor»; o 16 de febreiro, «Xubilación: e agora que?»; o 15 de marzo, «Muller e ciclos hormonais ao longo da vida»; o 12 de abril, «Adultos maiores, como activarnos»; e o 3 de maio, «Adolescentes».

A concelleira de Benestar, Victoria Montenegro, expresou: «Con ‘Academia Ares xSalud’, buscamos proporcionar á veciñanza ferramentas prácticas e coñecementos sólidos para que poidan tomar decisións informadas sobre o seu benestar».

Montenegro destacou a importancia de abordar de maneira integral os desafíos que enfronta a sociedade en termos de saúde, reunindo a expertos en diversas disciplinas ao longo destas charlas mensuais. A edil explicou que “trátase de chegar a todas as idades e grupos demográficos, desde a infancia ata a idade adulta, para construír xuntos un municipio máis saudable”.

En canto á primeira charla programada para o 19 de xaneiro, titulada «Saúde Infantil Versus Adultos Sans», levarase a cabo ás 19:00 horas na Alianza Aresana. O conferencista desta sesión será Camilo Prieto Rivas, un profesional con formación en CC. Actividade Física e Deporte, Fisioterapia, Osteopatía, Posturología, e especializacións en Readaptación Funcional Deportiva e Psiconeuroinmunología clínica.

Esta charla diríxese á poboación en xeral, incluíndo pais, nais, adolescentes, adestradores e persoas que traballan coa infancia e adolescencia. Os temas para tratar abarcarán desde os fundamentos do desenvolvemento infantil ata aspectos cruciais como alimentación, inmunidade, dor e enfermidade.

O propósito principal é proporcionar coñecementos fundamentais sobre o desenvolvemento desde a infancia ata a adolescencia, explorando aspectos como o desenvolvemento psicomotriz, a programación inmunitaria, o cerebro edonista e racional, así como claves para a felicidade e outros aspectos relacionados coa saúde integral.

Lea también

Mugardos informa sobre los trabajos en curso para restablecer la iluminación afectada por los temporales

El Concello de Mugardos informa que continúa realizando intervenciones en distintos puntos del municipio para …