San Sadurniño recibe este xoves ós Reis Magos

Melchor, Gaspar e Baltasar multiplican durante estes días a súa presenza na comarca,  xa sexa de pasada nas cabalgatas que hai programadas até a noite do venres 5 ou en recepcións anticipadas como a que terá lugar no ximnasio do CPI de San Sadurniño na tarde deste xoves 4 de xaneiro.

Será durante a festa de Reis organizada polo Concello a partir das 17:00h, cunha chea de xogos, música e roscón con chocolate.

Da animación encargarase, un ano máis, o equipo de La GuaGua. Comezarán con distintos obradoiros para a rapazada máis pequeniña e, posteriormente, como anticipo do grande momento da entrada real, tamén teñen preparado o seu sempre exitoso Canta-baila cunha chea de músicas e coreografías para que participe toda a familia.

Ademais, unha parte do ximnasio do CPI estará ocupada por unha cama elástica e un grande tobogán inchable onde os nenos poderán saltar canto queiran ao longo das practicamente dúas horas que durará a festa.

O intre máis agardado producirase aproximadamente ás 18:45h coa chegada de Baltasar, Melchor e Gaspar. Os tres Reis Magos de Oriente pararán en San Sadurniño dentro dunha apretada axenda que os ten percorrendo a comarca, e o resto do mundo, durante os días previos á súa viaxe nocturna do venres para o sábado.

As SS.MM traerán presadas de caramelos e a mellor disposición para escoitar e anotar todo o que os nenos lles teñan que dicir, case sempre  peticións de última hora ou recordatorios do contido das cartas enviadas hai uns días.

Con todo, se a algunha pequena ou pequeno se lle pasou botar a carta no correo, debe saber que Melchor, Gaspar e Baltasar lla recollerán en man na tarde deste xoves, multiplicando desta maneira as garantías de que a misiva lles chega a tempo e, importante, que o sábado 6 pola mañá aparezan na casa todos os agasallos.

Oportunidade de levar un dos lotes de «Polo Nadal, consumo local» até o domingo 7

Malia que a festa de Reis lle porá o ramo ao Nadal en San Sadurniño, as actividades organizadas polo Concello aínda non acabarán de todo. E é que ata este domingo 7 de xaneiro segue en marcha a campaña de dinamización do comercio «Polo Nadal, consumo local».

Os establecementos seguirán entregando papeletas ata ese día e entre os boletos por gasto de ata 10 euros sortearanse seis cestas valoradas en 50€ cada unha, mentres que as compras superiores a 10 euros entrarán na rifa doutras catro cestas cun valor unitario de 100€.

O sorteo público farase no salón de plenos o mércores 10 de xaneiro ás 9:00h. A área de Desenvolvemento local contactará ese mesmo día coas persoas agraciadas e os lotes entregaranse o venres 12 ás 14:30h.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …