O espectáculo “A luz da ilusión” acompañará en Narón á cabalgata dos Reis Magos

Unha gran estrela luminosa e unha chea de estreliñas presidirán o vindeiro 5 de xaneiro a comitiva que guiará aos Reis Magos na Cabalgata dende a Praza do colexio de Xuvia ata a Praza de Galicia, onde recibirán ós nenos.

A saída será ás 18:00 horas, tal e como anunciaron hoxe a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Festas, Mar Gómez, na presentación do evento. “A luz da ilusión” é o título deste espectáculo de gran formato, no que participarán, tal e como indicaron, actrices, actores, acróbatas, zancudos e bailaríns, así como recoñecidos personaxes da nosa tradición mitolóxica e literaria que acompañarán aos Reis Magos pola cidade.

Preto dun cento de artistas, máis de medio cento de persoas voluntarias da Escola de Danza de Narón, uns cincuenta menores da cidade que acudirán como paxes… acompañarán no seu percorrido aos Magos de Oriente.

A mensaxeira das neves e os faunos de xeo estarán tamén na comitiva, portando as cartas que xa enviaron os nenos. A continuación poderase ver un camelo xigante con Melchor, a carroza iluminada de Gaspar e a floreada de Baltasar. Acompañando aos Reis Magos irán tamén algunhas nenas e nenos de Narón, en calidade de paxes.

A Cabalgata contará coa Maruxaina e o séquito do Capitán Nemo, o Crebanoces e os soldadiños de Chumbo, e o señor Carboeiro co seu séquito de voluntarios que pechará a Cabalgata. A comitiva estará amenizada pola actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura e a Xove Banda de Narón, da Agrupación Cultural Musical Sementeira, de Narón, dende Xuvia ata a chegada á Praza de Galicia.

Dende o Concello agradeceuse de antemán a implicación do persoal que fará posible que este gran espectáculo artístico se celebre na cidade o vindeiro día 5, e tamén o labor tanto dos bombeiros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis), voluntariado de Protección Civil, axentes da Policía Local, persoal sanitario… que velarán pola seguridade cidadá durante o desenvolvemento deste evento.

A alcaldesa e a edil de Festas animan ós veciños a presenciar esta Cabalgata e os seus novidosos espectáculos durante o percorrido, así como a recepción aos Reis Magos na Praza de Galicia, programada para as 20:00 horas aproximadamente, unha vez remate o percorrido.

“O ano pasado a Cabalgata tivo unha excelente acollida e confiamos en que novamente este ano moitos veciños de Narón e doutros concellos se acheguen a ver a chegada dos Reis Magos. Con esa finalidade preparamos unha proposta única e cargada de fantasía para desfrutar dunha tarde máxica”, apuntou Ferreiro.

Lea también

Á venda en Narón as entradas para a Festa infantil solidaria pola DANA

As entradas para asistir á Festa infantil solidaria que se celebrará en Narón este sábado …