A sede da Deputación acolleu unha reunión entre a deputada de Emprego e Industria, Rosa Ana García López, responsables do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica da Deputación e Fernando Ron, xerente territorial de Tragsatec, empresa pública encargada da xestión da Oficina Next, co obxecto de facer balance do traballo realizado pola mesma desde a súa posta en marcha.
En concreto, a Oficina Next Deputación púxose en marcha no mes de marzo de 2022, constituíndo naquel momento unha iniciativa singular desde unha dobre perspectiva.
Por unha parte, foia primeira unidade existente en Galicia especializada na prestación de servizos de información e asesoramento sobre os fondos EU Next Generation, neste caso aos municipios da provincia.
E, por outra parte, converteuse na primeira experiencia de descentralización de servizos promovida desde a Deputación da Coruña, ao situarse no Concello da Capela.
Con motivo da finalización do exercicio 2023, convocouse esta reunión para facer balance dos resultados acadados e de cara ao vindeiro ano, planificar os traballos de análise e definición das prioridades estratéxicas para o desenvolvemento da provincia, así como de identificación, difusión, asesoramento, preparación e presentación de proxectos ás convocatorias dos fondos Next Generation.
Financiamento para proxectos estratéxicos
Nese marco, mantívose un contacto directo cos 90 concellos obxectivo establecidos na encomenda, realizáronse asesoramentos presenciais ao 87% dos mesmos, participouse en máis dunha decena de eventos e cursos relacionados cos Fondos Next Deputación, facilitouse a adhesión de 46 concellos ao Plan Antifraude da Deputación da Coruña, analizáronse preto de 550 convocatorias de axudas, resolvéronse máis de 300 consultas específicas e apoiouse a presentación directa de 6 grandes proxectos estratéxicos cunha taxa de éxito do 66%
Destacando entre eles, a iniciativa “Coruña Estudo Inmersivo (CEI)”, o proxecto para a “Transformación Dixital das Entidades Locais da Provincia da Coruña”, a “Dinamización comercial e turística dos concellos da provincia” ou o apoio á “Silver Economy no rural coruñés”, que supuxeron unha captación de fondos europeos superior aos 9 millóns de euros.
Ademais, desde a Oficina Next estanse a preparar na actualidade as solicitudes de varios proxectos de interese provincial que se presentarán tanto a convocatorias nacionais como a programas europeos, por un importe superior aos 2,5 millóns de euros.
Por outra parte, a oficina conta tamén cunha sección de traballo destinada a identificar e definir necesidades ou oportunidades achegadas polos propios concellos, que podan ser incorporadas á estratexia provincial da Deputación da Coruña.
Nese ámbito, realizouse a diagnose provincial e tamén se elaborou a Axenda 2030, como ferramenta de traballo que permite articular todas as políticas públicas do organismo provincial en relación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).