A inauguración da exposición da 32ª edición do certame de fotoxornalismo “Galicia en Foco” que organiza o Club de Prensa de Ferrol terá lugar este xoves 21 de decembro ás 19:30 horas no transcurso dun acto que estará presidido polo Concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far.
O fotoxornalista Miguel Muñiz recibirá o Premio da 32ª edición de Galicia en Foco pola serie “Prestige, 20 anos despois…” publicada no diario ABC, o 22 de novembro de 2022, que foi valorada polo xurado como Serie do Ano 2022, “polo seu compromiso amosado á hora de devolver á actualidade informativa unha historia inacabada, a da traxedia do Prestige, recuperando vinte anos despois os rostros dos homes e mulleres que ilustraron e exemplificaron a loita de toda a sociedade contra o chapapote”
O Premio “Serie do Ano” de Galicia en Foco, consta dunha figura de Sargadelos que fora especialmente deseñada por Isaac Díaz Pardo para este certame, e unha dotación económica de 1.000 euros .
Xoán A. Soler, recibirá a súa mención de honra pola súa foto “Loita”, publicada no xornal La Voz de Galicia, o 13 de outubro de 2022, que foi elixida polo xurado “pola súa capacidade para captar nunha imaxe de profunda humanidade, a realidade dunha familia que convive e fai fronte día a día a a unha enfermidade tan cruel como a esclerose múltiple e as súas consecuencias”.
A Exposición da 32ª Edición de Galicia en Foco permanecerá aberta na Sala de Proxectos do Centro Torrente Ballester de Ferrol ata o 21 de xaneiro de 2024