O Campus Industrial de Ferrol renova acreditación como campus de especialización excelente

O Campus Industrial da UDC é o primeiro campus galego en renovar a súa acreditación como campus de especialización excelente pola Xunta de Galicia

A sala de conferencias do Edificio de Batallóns do Campus de Ferrol acolleu o acto de presentación da renovación da acreditación do Campus Industrial da Universidade da Coruña como campus de especialización excelente da Xunta de Galicia.

Logo de pasar unha exhaustiva avaliación a cargo dun comité de expertos de fóra de Galicia, o Campus Industrial de Ferrol convértese no primeiro campus galego en conseguir a renovación da súa acreditación.

Xa fora o primeiro en acreditarse como campus de especialización en Galicia, e en España, polo que “segue abrindo camiño” segundo destacou o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, quen puxo en valor a consecución desta distinción. “Non foi unha tarefa sinxela, non se regalan as acreditacións”, declarou felicitando ao equipo reitoral, pois “isto é un traballo de equipo”

Díez de Castro lembrou que a finalidade da especialización dos campus é potenciar a docencia e as estruturas de investigación “para beneficio do tecido económico e social da cidade e da súa contorna”, e manifestouse convencido de que esta acreditación “transforma a institución e acaba transformando a cidade”.

O reitor da UDC, Julio Abalde, subliñou o simbolismo do acto de presentación de hoxe como un relevo simbólico, ao rematar o seu mandato a vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla, estando presente a próxima vicerreitora, actual directora do Campus Industrial, Ana Ares.

Abalde lembrou como naceu o proxecto de Campus Industrial no ano 2016, “con ganas de transformar o campus de Ferrol”, coa vicerreitora Araceli Torres ao fronte, nuns anos de moito traballo e o esforzo de moita xente e coa implicación de todo o persoal do campus.

O reitor amosou a súa satisfacción por rematar o seu mandato na Universidade da Coruña coa renovación da acreditación do Campus Industrial que pasou de ser un soño a unha realidade.

Abalde destacou algún dos principais logros deste campus, como a integración das escolas politécnicas ou a consecución do Edificio Batallóns para usos universitarios. Neste edificio ten a sede o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, “o proxecto máis diferencial da Universidade da Coruña e que está xerando un impacto na sociedade”, valorou o reitor confesando que é o logro do que máis se enorgullece como reitor.

No acto de presentación participou tamén o almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, quen definiu este campus como “unha referencia e un dos piares fundamentais de Ferrol”.

Así mesmo, asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a concelleira de Mobilidade e Seguridade do Concello de Ferrol, María del Carmen Pieltain; as vicerreitoras do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla; de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre; e de Igualdade, Cultura e Deportes, Cristina López Villar; e os vicerreitores de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; e de Profesorado e Planificación Docente, Alberto Valderruten; entre outros asistentes.

Lea también

Suspenden el operativo de búsqueda de Doniños, en Ferrol, al no denunciarse la desaparición de ningún pescador

El operativo de búsqueda que se había activado alrededor de las 19,00 horas del pasado …