O teatro Jofre en Ferrol acolle o espectáculo Síntese Horizonte

Guadi Galego actuará no teatro Jofre o vindeiro 27 de xaneiro. A cantante e compositora presentará na Ferrolterra o seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros de Galicia

As entradas pédense adquirir no recinto ferrolán a través da plataforma en liña www.ataquilla.com

Guadi Galego quere ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora a través de Síntese Horizonte.  O directo presentarase con tres citas exclusivas nas que se acompañará dunha portentosa banda conformada por grandes artistas do país, e que se reunirá especialmente para esta feliz ocasión.

Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e un coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez participarán nesta tríade de actuacións, que tamén destacarán tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de nononon.lab) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento).

Síntese Horizonte presentarase, ademais, o 26 de xaneiro no teatro Principal de Santiago de Compostela, cuxas entradas se esgotaron en menos de 24 horas desde que saíron á venda, e o 13 de abril no teatro Principal de Pontevedra, no marco do ciclo Resoan, no que máis da metade das butacas xa están ocupadas. 

Guadi Galego

É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón.

Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas), O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular.

Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se no mes de setembro lanzaba o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, no 2024 presenta Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.

Datas Síntese Horizonte

26 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Principal de Santiago de Compostela Entradas esgotadas

27 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Jofre de Ferrol Entradas á venda en www.ataquilla.com

13 de abril, 20.00 horas – Teatro Principal de Pontevedra. Ciclo ‘Resoan’ Entradas á venda en www.ataquilla.com

Lea también

O Ateneo Ferrolán proxecta o filme «Linda» dentro da programación 25N

Este venres dia 22 as 19.30h dentro da programación do 25N “Día contra a Violencia …