Deputación da Coruña e Plan Leader financian o novo equipamento na Fusquenlla

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron o acordo de colaboración económica para o financiamento do novo equipamento que se vai instalar no centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, situado en Moeche.

O investimento total está cuantificado en 167.963,10€, que se destinarán á merca e posta en marcha de distintos aparellos de preparación, tratamento térmico e envasado nas liñas de horta, froita e mel coas que conta o centro, integrado na rede de espazos coworking da Deputación da Coruña.

O organismo provincial achegará 80.000 euros, mentres que os preto de 88.000 euros restantes virán dos fondos europeos do Plan Leader xestionados pola AGADER a través do GDR Seitura 22.

De feito, a solicitude presentada por San Sadurniño en nome dos catro concellos promotores do proxecto (tamén participan Moeche, Valdoviño e Cerdido) obtivo a máxima puntuación entre as iniciativas públicas non produtivas.

Tralo desenvolvemento de tres cursos formativos para persoas usuarias, o centro de transformación agroalimentaria está case a pleno rendemento sacando múltiples envasados de horta, ademais de zumes e outras elaboracións feitas con froitas da comarca.

Este 2023 foi o do impulso definitivo a unhas instalacións onde aínda falta por poñer en marcha a liña dedicada á extracción de mel e onde, ademais, a experiencia do día a día deixou patente a necesidade de mellorar o equipamento  para diversificar as posibilidades do centro, pero tamén para axilizar procesos e incrementar aínda máis as garantías hixiénico-sanitarias de toda a produción, sexa para autoconsumo ou para atender os mercados de proximidade.

«Cando puxemos en marcha o centro destinamos a maior parte dos recursos ao edificio e a un equipamento básico co que poder botar a andar, aínda que xa sabiamos que co paso do tempo faría falla máis material. Os catro concellos optamos por agardar a que A Fusquenlla fose collendo ritmo e que as produtoras e produtores nos fosen comentando posibles melloras, antes de detallar todos os aparellos que agora se van  mercar e instalar» explica o Concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela.

Boa parte do investimento dedicarase á liña de produtos apícolas, adquirindo maquinaria para mover cargas, un conxelador, mangueiras e mobiliario específico, xunto con dispositivos que permitirán a obtención de pole e unha correcta decantación e maduración do mel antes do seu envasado.

Na área destinada ás elaboracións con produtos de horta e froita as dúas intervencións fundamentais van ser a adquisición dun autoclave (para coccións, esterilizacións e pasteurizacións) e dunha tixola basculante, «que facilitarán o traballo, aumentando a produtividade, a seguridade e a prevención de riscos», comenta Varela.

Tamén se mercará un muíño para froita, unha licuadora, unha centrifugadora e unha deshidratadora, co cal se ampliará a gama de produtos que se poderán elaborar no centro. Destaca neste apartado a instalación dunha enchedora de líquidos de distintas densidades xunto cunha tapadora eléctrica de botellas e botes de varios diámetros.

Completan a relación de investimentos mobles, andeis e outro equipamento menor, ademais dun variador eléctrico para contar con corrente trifásica que mellore o rendemento dalgunhas das máquinas.

Esta lista da compra ascende a 167.963,10€. Unha cantidade que será financiada integramente cos  80.000 euros do convenio asinado hoxe na Deputación por Secundino García e Valentín González, pero tamén cos 87.963,10€, o resto, obtidos a través da convocatoria de para proxectos públicos do Plan Leader xestionado polo GDR Seitura 22.

Lea también

Inscrición aberta en Fene para asistir ao espectáculo de narración oral Onde nacen os monstros

Nova sesión de contacontos na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé de Fene, desta vez baseada …