Obras en Ares de revalorización del humedal de A Xunqueira

O Concello de Ares está a levar a cabo diversas obras de revalorización do parque fluvial da Xunqueira, logo de recibir unha subvención de 20.000 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco do programa de axudas para o desenvolvemento do proxecto PIMA Cambio Climático.

Estas intervencións promovidas pola administración local están valoradas nun total de 20.097,29 euros. Os traballos, segundo consta no proxecto, teñen por obxecto a rehabilitación da senda que percorre o parque fluvial e as súas áreas de interpretación da natureza.

En concreto, a intervención consiste na limpeza das superficies de madeira en todo o seu percorrido (entablado, varandas e casetas de observación), incluindo a poda e eliminación de restos vexetais que comprometan o tránsito e a estabilidade da construción da senda, contribuindo así á súa revalorización.

No capítulo de reparacións inclúense traballos de desmontaxe e demolición das pezas de madeira en mal estado e a súa reposición por outras seccións novas.

Os traballos inclúen a dotación de equipamento, coa colocación de carteis informativos de especies de flora e fauna, con características, imaxes e códigos QR; instalación de refuxios para patos de madeira tratada en zonas non inundables; instalación de niños para paxaros en masas arbóreas; así como a instalación de comederos para paxaros en zonas estratéxicas que favorezan a actividade das especies.

Os traballos na Xunqueira, que foron sempre un obxectivo prioritario do grupo de goberno en materia ambiental, iniciáronse baixo unha serie de obxectivos claros: os da recuperación, a potenciación e a protección do humidal do río, posibilitando grazas ás actuacións realizadas ata o momento o coñecemento da súa flora, fauna e paisaxe por parte da poboación.

Ata o momento, os resultados foron moi positivos, xa que o parque fluvial está sendo visitado a diario por numerosos veciños e veciñas da vila e mesmo de fóra do municipio e, ademais, a súa recuperación estableceu en Ares especies como os patos, que xa forman parte da estampa cotiá do humidal.

Os novos traballos de recuperación e revalorización do espazo estarán rematados no prazo aproximado de dúas semanas. Durante este período, pecharanse ao público diferentes tramos do paseo.

Actualmente, o tramo do parque situado entre a avenida de Redes e o cruzamento coa pasarela que conduce a Pedrós atópase pechado.

 

Lea también

Mugardos junto con la asociación ‘Patio Verde’ buscan soluciones urbanísticas para el CEIP Unión Mugardesa

El alcalde de Mugardos mantuvo una reunión de trabajo con representantes de la Asociación Patio …