Enagás garante a Formoso retomar o proxecto hidroducto As Pontes-Guitiriz-Zamora

Enagás garante ao alcalde de As Pontes que retomará o proxecto do hidroducto As Pontes-Guitiriz-Zamora ante a Comisión Europea o vindeiro ano

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, reuniuse en Madrid co conselleiro delegado de Enagás, Arturo Gonzalo Azpiri, para abordar a situación do hidroducto As Pontes-Guitiriz-Zamora.

O máximo responsable de Enagás explicou ao alcalde que a compañía considera “prioritario” o proxecto, que incorporará a súa rede troncal de transporte de hidróxeno e que o vindeiro 2024, cando se inicie a nova convocatoria de infraestruturas de transporte de hidróxeno da Comisión Europea, incorporará este hidroducto como infraestrutura de transporte transnacional.

Enagás substituirá así a Reganosa como promotor desta infraestrutura tras o acordo entre ambas empresas.

Formoso agradeceu a Enagás ese compromiso e explicitou o apoio do Concello das Pontes e da sociedade pontesa ao proxecto de xeración de hidróxeno de Reganosa no municipio, declarado estratéxico pola Xunta de Galicia e que consta dunha planta de produción de hidróxeno de 180 MW.

Formoso explicou que o proxecto implica a construción dunha planta de bombeo reversible de máis de 400 MW, promovida por Reganosa e EDP, que se convertería na planta de produción de hidróxeno máis eficiente de España, ao non depender exclusivamente de enerxía eólica, o que garante a xeración deste combustible os 365 días do ano.

Tanto Valentín González Formoso como Arturo Gonzalo Azpiri coincidiron en destacar o importante papel que As Pontes e Galicia poden ter na produción de enerxía para atender as necesidades enerxéticas nacionais e europeas no novo modelo de enerxías sen emisións de CO2 no que a Unión Europea reserva un papel protagonista ao hidróxeno.

Lea también

Abierto el plazo para participar en la VIII Carrera escolar Concello de Neda

Ya están en marcha los preparativos para la octava edición de la Carrera Escolar de …