Pedro Blanco confirma en Cedeira a licitación da rexeneración da Madalena

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, visitou a praia da Madalena de Cedeira acompañado do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil e do primeiro tenente de alcalde, José Antonio Rodríguez.

No encontro, o responsable confirmou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten listos os pregos do expediente de licitación do proxecto de rexeneración do areal e que a actuación está orzamentada.

Segundo informou, sairá a concurso o vindeiro ano cun presuposto de 2.362.615,65€ (IVE incluído) e poderá executarse despois do verán para non interferir coa época de máis afluencia.

“Actuacións na morfoloxía da praia da Madalena” é o título desta ambiciosa actuación coa que se vai terminar de xeito definitivo coa degradación do areal e o retroceso da liña de costa. Culminará, coa execución deste proxecto, un proxecto que se comenzou a perfilar no mandato do PSOE e o BNG de 2015 e 2019 e do que foron cumpríndose fitos nos últimos anos.

En febreiro de 2019 saíu a licitación a redacción do proxecto e o estudio de impacto ambiental, que se someteron a exposición pública en 2021. A pandemia ralentizou o proceso e foi xa en abril de 2023 cando o Ministerio publicou a declaración de impacto ambiental, quedando pendente só a contratación da obra.

Para corrixir os problemas e a degradación que a praia da Madalena sofre desde finais dadécada dos noventa, construirase un espigón de 77 metros que asegurará a estabilidade da liña de costa fronte aos fenómenos erosivos.

Xunto a ese obxectivo de devolver a estabilidade á Madalena, no proxecto prevese a reconstrución do sistema dunar e a súa repoboación con vexetación autóctona, conservando e potenciando a diversidade deste espazo e dos colindantes, incluída a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira.

A actuación servirá tamén para mellorar o encauzamento da desembocadura do río Condomiñas e do regato da Veiga

Cómpre recordar que o Ministerio para a Transición Ecolóxica custeou tamén, a través de Demarcación de Costas, a recuperación das cetarias do Sarridal.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, agradeceu a visita e celebrou a próxima licitación do importante proxecto para a praia da Madalena.

Lea también

Mugardos junto con la asociación ‘Patio Verde’ buscan soluciones urbanísticas para el CEIP Unión Mugardesa

El alcalde de Mugardos mantuvo una reunión de trabajo con representantes de la Asociación Patio …