O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado por Olaia Ledo, explicou no serán deste domingo en Narón as liñas mestras do Acordo conseguido polo BNG no marco da investidura de Pedro Sánchez con medidas como “os descontos do 75% en usuarios e usuarias recorrentes da AP-9 que beneficiarán á veciñanza na súa mobilidade diaria”.
A lousa das portaxes da AP-9
Unhas rebaixas, puntualizou, que “se van notar de maneira importante nos petos da xente ao final de mes, cun aforro medio de 285 euros ao mes en usuarios frecuentes. Non é pouca cousa nun contexto de elevada inflación e que permite un alivio nas economías familiares”. Neste tema criticou ao PP por banalizar os descontos: “O PP non ten ningunha lexitimidade para falar da AP-9. Non só nunca nada fixeron para reducir as portaxes cando gobernaron en Madrid, senón que son os responsábeis de que sigamos a pagar peaxes até o 2048. A lousa da AP-9 debémoslla ao PP que xamais mirou polos intereses do colectivo, entregouse a alimentar o negocio dos fondos voitre deixando que se comercie cunha autoestrada básica para as comunicacións de Galiza”.
A renovación da liña ferroviaria de ancho métrico, Feve.
Rego destacou tamén as medidas contempladas en materia de ferrocarril. “Somos perfectamente conscientes das graves deficiencias na liña de ancho métrico, a antiga Feve, que é a que pasa por Narón e por outros concellos da comarca. Unha liña que padece numerosos cortes, cunha infraestrutura obsoleta, cun material rodante vello e que precisa dun Plan de modernización integral. Precisamente no Acordo recóllese esa demanda”.
Neste eido, Néstor Rego puxo en destaque “o inxente traballo realizado nas Cortes en defensa do ferrocarril de Feve sabedores de que é o único tren existente desde Ferrol ate a Mariña e que comunica áreas densamente poboadas e de significativo pulo económico e industrial. Malia o estado de abandono ao que chegou Feve, o BNG nunca renunciou á reclamación de investimentos nesta liña de tren fundamental para un transporte sostíbel no Cantábrico”.
En materia de ferrocarril, Rego afirmou que a comarca de Ferrol tamén se verá beneficiada da axilización dos trámites para a execución do baipás de Betanzos que permitirá a ampliación do Eixe Atlántico ate Ferrol como sempre demandamos”. E a implantación de servizos de cercanías entre A Coruña e Ferrol terá un grande impacto en todos os concellos da comarca, onde a súa veciñanza poderá optar por deixar o coche e coller o tren en Ferrol para os seus traslados”.
Tamén é importante salientar o punto do Acordo que fai referencia á continuidade dos traballos de rexeneración das rías galegas, ámbito de relevancia na comarca para poder encetar as tarefas de saneamento e de recuperación da capacidade produtiva da ría de Ferrol.
O parlamentar do BNG subliñou, así mesmo, outras medidas de calado social como a actualización das pensións conforme ao IPC e a suba das pensións mínimas e das non contributivas como se acaba de aprobar nestes días para o ano 2024, ou a creación de cinco novos Xulgados de violencia de xénero, un deles en Ferrol. Ademais, salientou a medida referida á compensación da débeda da Galiza do forma análoga á que se realice con outros territorios e o avance na transferencias de competencias pendentes para mellorar o autogoberno.
En definitiva, Néstor Rego concluíu que o Acordo alcanzado redundará positivamente no conxunto dos galegos e das galegas porque “gañamos en infraestruturas viarias, ferroviarias, en status político, en medidas económicas e sociais e ambientais”.