O novo estacionamento do centro de saúde de Narón ofrece preto de 180 prazas

O estacionamento do novo centro de saúde de Narón está operativo dende primeira hora deste venres 24.

Trala recepción por parte dos técnicos municipais da obra, o Concello abriu á cidadanía este espazo, no que poden estacionar preto de 180 vehículos, ubicado a escasos metros do centro sanitario, e que xa está a disposición dos veciños.

Esta actuación é cofinanciable ata un 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020, Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

O estacionamento ten unha restrición horaria de luns a venres en horario de mañá, dende as 8:00 ata as 15:00, non podendo permanecer no mesmo os vehículos máis de dúas horas e media. Os usuarios e usuarias aparquen alí deberán deixar á vista un disco da hora ou un papel no que se indique a hora á que se estacionou para poder regular o correcto uso deste servizo.

En breve, comezará a funcionar un sistema de cámaras que gravará as matrículas dos vehículos no momento da entrada para poder levar a cabo ese control mediante un sistema dixital. En horario de tarde/noite durante toda a semana, así como os sábados e domingos durante todo o día, non haberá control horario, podendo estacionar sen restricións.

A maiores, retirarase a zona azul habilitada nos estacionamentos que no seu día se acondicionaron no camiño do Lodairo, polo que dende este venres deixará de ter limitación horaria ese tramo. O equipamento licitouse en 599.805 euros, e localízase nunha parcela ubicada entre a estrada de Castela e o Camiño do Lodairo.

Construíronse un vial perimetral de circulación e outros interiores para zonas de estacionamento, dúas glorietas para distribuír o tráfico entre os accesos e o vial perimetral e as zonas de estacionamento, con prazas en forma de espiga e viais internos de sentido único de circulación. En canto á zona peonil, ten beirarrúas na parte colindante co Camiño do Lodairo, dende onde se habilitaron dous accesos.

Mobiliario urbán, zonas verdes e un aparcamento de bicis completan o equipamento. O goberno local, tal e como se recordou, aportou uns tres millóns de euros para que hoxe estea operativo o novo centro de saúde.

A compra do antigo edificio ubicado nas inmediacións da rúa 25 de Xullo, a cesión da parcela na que se construíu, os 580.000 euros para urbanizar o entorno no Camiño do Lodairo, a construción dunha rotonda na estrada de Castela, así como a cesión da actual parcela na que se construirá o estacionamento e a cofinanciación da obra do aparcamento, supuxeron o citado investimento das arcas locais co fin de materializar este proxecto e contar cunhas instalacións sanitarias acordes ás necesidades actuais da cidade.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …