O Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acollerá o vindeiro 2 de decembro o espectáculo teatral “Os Bolechas visitan en familia unha galería de arte”.
A concelleira de Política Lingüística do Concello de Narón María Lorenzo, indicou que se trata dunha proposta para público infantil e familiar aberta á cidadanía en xeral, ata completar a capacidade da sala. A representación dará comezo ás 18:00 horas.
“Os Bolechas visitan unha galería de arte” é a nova proposta dos Bolechas para o público ao que se dirixe. Trátase dun espectáculo de monicreques no que os Bolechas coñecerán, ao visitar unha galería, a un pintoresco personaxe e os seus cadros abstractos. Eles non acaban de entender este tipo de arte e prefiren pintar cadros máis figurativos.
Despois de moito pensar e coa axuda do público deciden debuxar sobre os seus antepasados: bisavós e bisavoas, tataravós e tataravoas, familiares prehistóricos… Esta proposta está organizada dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística e enmárcase no programa FalaRedes da Rede de Dinamización Lingüística.
O Concello de Narón colabora con este evento a través do Servizo de Normalización Lingüística, tal e como recordou a edil naronesa. Para obter máis información sobre este evento pódese consultar a web: www.naronengalego.gal.