O Concello de Narón instalará do 22 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza da Gándara un Mercado de Nadal, tal e como avanzou a edil de Feiras e Mercados, Mar Gómez. Co fin de ocupar os postos que se habilitarán o vindeiro luns día 20 abrirá o prazo para anotarse, que pechará o luns 4 de decembro ás 13.00 horas.
As persoas con licencia de venda comercial e que vendan produtos artesáns, agasallos, artículos de decoración de Nadal… interesadas en instalarse nalgún dos postos deben escribir un correo electrónico á dirección me.mendez@naron.gal , indicando o seu nome e apelidos, os produtos que desexa vender, un teléfono de contacto e un correo electrónico para realizar a tramitación. Os postos adxudicaranse por orde de solicitude e terán preferencia á hora da adxudicación as veciñas e veciños de Narón.
Os postos permanecerán operativos nas datas indicadas –agás os días 25 de decembro e 1 de xaneiro- en horario de 17.00 a 20.00 horas, tal e como se avanzou dende o Concello.