Un total de 23 integrantes da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Narón acudiron a un curso impulsado dende a Academia Galega de Seguridade Pública nas instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón.
O concelleiro de Seguridade Cidadá e SPEIS, José Oreona, explicou que se trata dunha convocatoria programada coa finalidade de dotar ao colectivo da “formación básica que precisan para exercer o seu labor”. En canto aos contidos abordados na convocatoria, con cargo a cinco monitores, os participantes recibiron formación sobre Protección Civil, os riscos, accidentes e autoprotección, a loita contra incendios, comunicacións, e actuacións básicas ante emerxencias médicas.
A maiores, tamén realizaron un módulo de Igualdade de oportunidades. “En conxunto, o curso constaba de 14 horas teóricas e sete de prácticas, un tempo no que o persoal voluntario tivo a oportunidade de adquirir unha serie de coñecementos que lle serán de gran utilidade á hora de desenvolver o seu labor nos operativos nos que participan e, en determinados casos, tamén no seu día a día”, destacou Oreona.