José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, anunciou este sábado que os socialistas galegos celebrarán unha Convención Política aberta entre o 16 e o 17 de decembro, con máis de 1.000 participantes da que sairá o proxecto dunha “Galicia plural e orgullosa do que somos”.
O candidato á presidencia da Xunta lanzou este evento co que culminará “un proceso no que estamos imbuídos todos os socialistas galegos”, un proceso de escoita que está a facer o partido e o candidato “cun percorrido por toda Galicia”. Besteiro fixo este anuncio ante os medios logo da Comisión Executiva Nacional Galega celebrada con protección policial ante os ataques violentos a moitas sedes do partido esta última semana.
Ademais, remarcou que abrirán unha canle directa coa cidadanía, previa á convención, para que todos e todas se sintan incluídos. O líder dos socialistas galegos destacou que a convención “recollerá unha mensaxe política na que se verá reflectida a Galicia do futuro que os socialistas queremos, unha Galicia emprendedora, aberta plural, sustentable e sobre todo, orgullosa do que somos e do que podemos facer”, alegou.
Tamén anunciou que a Executiva Nacional do PSdeG, reunida de forma urxente, aprobou unha declaración oficial “de solidariedade” para amosar o seu “apoio sen fisuras” aos compañeiros das agrupacións atacadas nas últimas semanas e fixo un “chamamento a que cese calquera tipo de comportamento violento contra as sedes do Partido Socialista”. Lembrou que en Galicia xa foron denunciados ataques ás casas do pobo de Lugo, Ferrol, Pontevedra, Cangas, Santiago, Vigo e Vimianzo.
Por iso, Besteiro enunciou que “Rueda perdeu unha oportunidade histórica de repeler dunha forma expresa e contundente estes actos”. E asegurou que “non o fixo, porque é ao que está xogando o Partido Popular en Galicia e en España, a alentar este tipo de manifestacións”. Denuncia que esta semana o propio PP sumouse e alentou as mesmas “actuando como verdadeiro pirómano desas manifestacións, e aos galegos e ás galegas non nos gustan os pirómanos”.
Considera que coa súa “ambigüidade”, Rueda “da a sensación de que apoia e alenta mirando para outro lado ese tipo de comportamentos”. Advertiulle que “aos galegos e ás galegas non nos gusta esa forma de facer política e eu estou convencido ademais de que aos votantes do PP tampouco lles gusta que o seu presidente faga esas cousas”.
Pola súa banda o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou este sábado que participará en Pontevedra ( na Praza da Peregrina) na concentración pola igualdade dos españois convocada polo PP nacional en todas as capitais de provincia de España, de xeito simultáneo este domingo ás 12.00 horas.
Na concentración da cidade da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez (fronte ao Palco da Música), estarán presentes o vicesecretario nacional de Organización do PP, Miguel Tellado, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.