Posta en marcha en As Pontes da campaña “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA”

O Concello das Pontes presentou a campaña “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA” con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Tania Pardo, concelleira responsable da área de Igualdade apuntou que “con esta campaña buscamos reflectir e concienciar sobre a realidade que viven moitas mulleres en situación de violencia de xénero que, pola súa condición de migradas, idade avanzada ou por presentar unha discapacidade, ademais, teñen que facer fronte a unha serie de obstáculos específicos. Obstáculos que reducen as súas posibilidades de saír do ciclo de violencia e incrementan a probabilidade de que a violencia se repita e se agrave ao longo do tempo”.

“A violencia de xénero continúa sendo a violación dos dereitos humanos máis xeneralizada no mundo, polo que a través desta iniciativa queremos convidad á veciñanza a que afine a súa mirada e sexa capaz de ver os prexuízos, estereotipos e estigmas sociais, que fomos normalizando de forma inconsciente, e que tamén dan lugar a situacións de discriminación e violencia contra as mulleres” engadiu a concelleira Tania Pardo.

A campaña inclúe unha peza audiovisual de sensibilización titulado “Estamos ao teu carón, pero non nos ves”; realizado coa colaboración da veciñanza das Pontes e de actrices e actores da Asociación Cultural Quemaistén Teatro, do Catre Teatro e da Asociación Cultural Alende.

Esta peza audiovisual, que estará dispoñible a través da páxina web e das redes sociais do Concello, busca interpelar á cidadanía para conseguir a súa implicación para evitar que as realidades que viven moitas mulleres sexan engulidas por unha sociedade que non as ve.

Así mesmo, o 15 de novembro durante a celebración da feira quincenal e a mañá do 25 de novembro, instalarase un posto informativo e de sensibilización no que se contará con material informativo e merchandising para o seu reparto entre a veciñanza pontesa.

Ao redor do 25 de novembro tamén están programados tres obradoiros de apoderamento a través das artes e o movemento, impartidos por profesionais especializadas no eido da intervención social: o obradoiro “Biodanza: Cóidome, quérome… porque a miña vida ten valor”, dirixido a mulleres migrantes; o obradoiro “Arte, autocoidados e historias de vida”, dirixido a mulleres maiores de 65 anos; e, por último, o obradoiro “Corpo e movemento”, dirixido a mulleres con discapacidade.

A campaña tamén contará con actividades de sensibilización dirixidas ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria dos centros educativos das Pontes, co fin de promover a igualdade e o rexeitamento cara as violencias machistas entre todos os sectores de idade.

O alumnado de Educación Primaria terá a posibilidade de asistir á obra de teatro “Travesía Unicornio” da man de Teatro Ghazafelhos, mentres que o alumnado de Educación Secundaria contará no seus institutos coa instalación dun Punto Violeta.

Por último, o sábado 25 de novembro ás 12h no Parque Municipal terá lugar un acto conmemorativo con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A este respecto, levarase a cabo un recital poético a cargo da poetisa Nuria Vil e unha performance contra a violencia de xénero a cargo do grupo O Catre Teatro. Xa pola tarde, será a quenda para a representación teatral, “Mordiendo la verdad” no Auditorio do Cine Alovi, dirixida á cidadanía en xeral.

Toda a programación de actividades desta campaña pódese consultar na páxina Web do Concello (www.vive.aspontes.org).

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …