Escolares do CEIP Ponte de Xuvia, Narón, reuníronse coa alcaldesa no salón de plenos

Un grupo de preto dunha vintena de nenos do colexio Ponte de Xuvia desprazouse con persoal docente ao Concello de Narón para participar no programa de visitas de coñecemento da administración local.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiunos no salón de plenos, onde con anterioridade viran o vídeo “Nara de Narón”, sobre o funcionamento e a historia da cidade.

Os menores interesáronse ante a rexedora local por algunhas actuacións do municipio e tamén por coñecer o espazo no que traballa, preguntando dende as sillas que ocupan habitualmente os concelleiros da corporación local.

A alcaldesa respostou a todas as preguntas que lle formularon e interesouse tamén por coñecer a opinión dos nenos sobre a cidade. Finalmente Ferreiro entregoulles uns agasallos institucionais como recordo da súa visita ao Concello.

Unha vez rematada a reunión no salón plenario os escolares realizaron unha imaxe de grupo con Marián Ferreiro e a continuación outras por quendas co photocall da abella Nara.

Así mesmo, realizaron un crebacabezas, visitaron as instalacións da Policía Local no Consistorio e participaron noutras actividades durante aproximadamente unha hora e media.

As vindeiras visitas deste mes serán o luns día 13 con alumnado do CEIP A Solaina; o día 17 con outro grupo do CEIP A Solaina; o 21 cun grupo do CRA de Sedes e outro do CRA de Domirón; e o 24 e o 28 con escolares do CEIP A Gándara.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …