A CIG convoca folga xeral nas Pontes o 23 de novembro en resposta á crítica situación socioeconómica

A CIG convoca folga xeral nas Pontes para o vindeiro 23 de novembro, «ante a grave situación laboral, social e económica derivada do desmantelamento industrial da localidade e para reclamar medidas que garantan unha transición xusta». A folga, de media xornada, desenvolverase entre ás 11 e as 15 horas e afectará a todas as traballadora e traballadores das empresas privadas e administracións públicas do ámbito municipal das Pontes.

O secretario xeral, Paulo Carril, o secretario comarcal, Manuel Anxo Grandal, e o voceiro da CIG das Pontes, Alberte Amado, fixeron o anuncio este venres nunha comparecencia para os medios realizada diante do edificio administrativo da Xunta en Ferrol, onde procederon ao rexistro da convocatoria folga. Amado explicou que o obxectivo desta convocatoria é demandar medidas que garantan unha transición xusta «porque non estamos nun proceso de transición, senón nunha reconversión ao uso» e por iso chamou os traballadores e as traballadoras de todas as actividades e sectores a secundar a folga e participar masivamente na manifestación que terá lugar ás 12 horas, con percorrido aínda por determinar.

Denunciou a que día de hoxe non hai proxectos industriais avanzados nin compromisos concretos ao peche da central térmica, mentres se afonda na destrución de emprego coa presentación de ERE en empresas emblemáticas da comarca como Einsa, que no seu momento foi o símbolo da reindustrialización tras o peche da mina.

O representante da CIG aclarou que o debate sobre a pertinencia de convocar folga nas Pontres foi trasladado ao resto de centrais sindicais sen que até o de agora confluíran as posturas. Porén, Amado incidiu en que a intención da CIG é que «neste formato de convocatoria se poidan sumar e que nesa xornada vaiamos todas as centrais sindicais en conxunto», tendo en conta ademais que as reivindicacións son compartidas e están consensuadas nos diferentes ámbitos.

A respecto das principais demandas que levan á convocatoria desta xornada, Amado reiterou a necesidade de que se manteñan os 1400 MW de evacuación da central térmica no nó de transición xusta das Pontes e a consecuente poxa ligada a proxectos industriais. «Esta capacidade non pode desaparecer no momento de peche da central, ten que ser un motor industrial de futuro da localidade» , aseverou.

Nesta liña, a CIG pide que se manteñan dispoñíbeis para o sistema os grupos 1 e 2, acolléndose aos posíbeis pagos por capacidade acordados na UE, e que esta dipoñibilidade se manteña «até que se garantan as condicións socioeconómicas precisas para unha verdadeira transición  e se concreten alternativas reais para o emprego«. De xeito paralelo, que se conserve a vinculación laboral dos traballadores e traballadoras da industria auxiliar, estudando a súa posíbel incorporación a Endesa e, en todo caso, garantindo a súa incorporación nos proxectos industriais futuros.

A CIG reclama tamén garantías por parte do MITECO e de REE (Rede Eléctrica) da capacidade de subministro eléctrico para os proxectos industriais anunciados na localidade. «Dita capacidades está nestes intres en dúbida e podería provocar que moitos proxectos non puideran instalarse definitivamente», advertiu.

Das administracións públicas (local, autonómica e estatal) demándase un compromiso para dotar ás Pontes de xeito urxente de chan industrial para posibilitar o asentamento de novos proxectos, e coordinación nos procedementos administrativos para axilizar a implantación e posta en marcha das propostas industriais anunciadas.

Entre as reivindicacións da CIG atópase tamén a creación dun plan industrial de choque, financiado pola administración autonómica e a estatal e con participación sindical na súa xestión, que dea garantías á reindustrialización das Pontes. Neste senso, a central nacionalista reclama que todos os ERE presentados neste momento na localidade (e os que podan aparecer no futuro máis inmediato) sexan paralizados até que se atopen alternativas de recolocación na propia localidade.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …