Mellora da accesibilidade á Casa do Concello de San Sadurniño e ao edificio anexo

San Sadurniño é un dos concellos beneficiarios das axudas convocadas pola Xunta a mediados do mes de xullo para financiar obras de adecuación da accesibilidade en instalacións municipais.

Á liña de subvencións presentouse un proxecto que remodelará o tramo de beirarrúa comprendido entre a Casa do Concello e o aparcadoiro da EIM A Rolada, ademais de eliminar escalóns nos accesos a ambos edificios e no paso peonil situado ao pé da rotonda da estrada de Ortigueira.

O importe da obra, que deberá estar rematada antes de fin de ano, ascende a 36.702,82 euros. A achega autonómica proveniente dos fondos europeos Next Generation cubrirá o 100% do investimento necesario.

O proxecto que se vai executar de maneira inminente virá solucionar dous problemas de accesibilidade que padecen tanto o edificio anexo ao Concello como a propia Casa Consistorial. E é que a beirarrúa que discorre paralela á AC-862, que data dos anos 90 do século pasado, non ofrece condicións axeitadas para o tránsito de cadeiras de rodas ou persoas con mobilidade reducida, debido sobre todo ao ancho tan reducido que ten entre 80 centímetros e 1,10 metros, e aos materiais e as cotas da súa construción.

Ademais, como problema engadido, a comunicación entre a beirarrúa e os edificios municipais presenta un pequeno desnivel que se salvou con escalóns nos tres portalóns principais, o que supón outro atranco máis para a autonomía de quen ten dificultades para moverse.

Así as cousas, o deseño reflicte, por unha banda, construír unha nova beirarrúa de 1,80 m de ancho nos algo máis de 100 metros de percorrido que van desde o paso peonil  até o tramo que prosegue logo cara ao Centro de Día. Ademais de refacer o pavimento enlousado, a obra tamén servirá para rebaixar o escalón do paso de cebra e nivelar con rampas cunha caída máxima do 9% as tres portas principais, dúas situadas diante do Centro de Empresas e unha xusto fronte ao Concello.

«O proxecto vai solventar a cuestión da accesibilidade a pé desde o aparcamento e desde o paso peonil, pero sobre todo nas entradas desde a beirarrúa á escola infantil, ao centro empresarial e ás oficinas municipais. Teremos unha beirarrúa máis ancha e cunha certa altura de seguridade con respecto á estrada, sen sacrificar demasiada superficie de estacionamento diante do Concello», explica o alcalde de San Sadurniño, Secundino García.

O investimento está cuantificado en 36.702,82 euros, impostos incluídos, que se sufragarán ao cento por cento coa axuda comunicada hai escasos días pola Xunta de Galicia. A convocatoria, nutrida cos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-Next Generation dá até principios de decembro para levar a cabo a obra e presentar a xustificación correspondente.

Un prazo «demasiado xusto», segundo comentou o rexedor,  que obrigará ao Concello a axilizar a contratación dos traballos, independentemente de que o Goberno autonómico poida conceder algún tipo de prórroga.

«As axudas convocáronse a finais de xullo, en pleno verán, polo que tivemos que apurar a preparar a memoria valorada do que se pretende facer e poder solicitar a subvención xa en agosto. A resposta chega tres meses despois e practicamente sen dar tempo material para executar as obras. Con todo, os servizos municipais xa teñen en marcha o expediente de contratación e confiamos en poder cumprir cos tempos tan escasos que nos deu a Xunta», conclúe García Casal

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …