A Cortiña promove en San Sadurniño a III edición do ciclo de charlas «Outono agroecolóxico»

A Asociación Agroecolóxica A Cortiña recupera o programa «Outono agroecolóxico» despois de catro anos sen se celebrar, co obxectivo de achegarnos experiencias innovadoras coas que poñer en valor os recursos do rural desde a óptica da sostenibilidade.

Na volta deste ciclo de charlas, púdose coñecer en detalle o proxecto Ekoizpen promovido polo Concello basco de Urduña coa finalidade de fomentar unha gandaría e unha agricultura orientadas ao consumo comarcal. A sesión é a primeira dunha serie de seis encontros que terán lugar ao longo das próximas semanas na Casa da Xuventude, dentro do convenio de colaboración subscrito entre A Cortiña e o Concello de San Sadurniño.

As xornadas deste ano abordarán cuestións resumidas no lema «Desenvolvemento rural desde a agroecoloxía. Camiños para a transición agroecolóxica» e estará centrada nos casos de éxito e nas recomendacións para mudar o actual sistema globalizado de produción intensiva e deslocalizada cara un modelo de proximidade que garanta unha oferta diversa, de calidade e sostible tanto desde o punto de vista ambiental como social.

Esa é, en esencia, a función que cumpre o proxecto Ekoizpen Urduña, posto a andar hai dúas décadas polo concello biscaíño de Urduña. Comezaron cun diagnóstico da situación do sector agrogandeiro da zona, marcado a comezos deste século pola intensificación, e a partir de aí foron traballando coas explotacións para que cambiasen a súa maneira de facer as cousas: volvendo apostar polo pastoreo, reducindo a mantenza con pensos compostos, eliminando a fertilización química, etc.

Ademais, Ekoizpen tamén se esforzou por crear condicións favorables para o sector primario, por medio dunha estratexia integral que promove a venda directa, campañas a prol do consumo local e incluso impulsando unha cociña para os comedores escolares e de residencias que se abastece dos alimentos de calidade producidos na zona.

Trátase dun «regreso ao futuro» lema que Ekoizpen Urduña utiliza na súa comunicación, que recupera a filosofía dos circuítos próximos de antano como base dun sistema sostible desde o punto de vista social e ambiental. Iso que comunmente coñecemos como «soberanía alimentaria», ou a capacidade de abastecernos maioritariamente co que somos capaces de producir.

Para falar da iniciativa, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña convidou a Marijo Imaz, técnica de dinamización en Urduña. A súa charla, titulada «Ideas e ferramentas para o desenvolvemento rural: o caso Ekoizpen en Urduña», terá lugar na Casa da Xuventude este martes 7 de novembro a partir das 18:30h con entrada libre.

Ao longo das próximas semanas, con datas aínda por concretar, haberá máis sesións deste tipo arredor do tema principal da transición cara a agroecoloxía. Así, ata San Sadurniño virá Jaime Izquierdo Vallina Comisionado para o Reto Demográfico do Goberno de Asturias coa ponencia «Rural futuro. Futuro rural? Un mundo postindustrialista viable»; tamén Neus Monllor Rico, da Rede de Espazos Test Agrarios, que traballa no relevo xeracional no agro; o proxecto Justicia Alimentaria, que ofrecerá a charla «Cortocircuito: campaña polos circuítos curtos de comercialización»; o investigador do CSIC Daniel López García, quen abordará a transición agroecolóxica desde as institucións e a cidadanía; e, completando o ciclo, Nuria Alonso, da Fundación Entretantos, explicando o camiño percorrido desde a sinatura do Pacto de Milán de políticas alimentarias urbanas en 2015 até a conformación da Rede de Municipios pola Agroecoloxía.

Convenio entre A Cortiña e o Concello de San Sadurniño

O contido do «III Outono Agroecolóxico» organizado pola Asociación A Cortiña vén recollido no convenio de colaboración subscrito pola entidade e polo Concello de San Sadurniño a mediados de outubro. Nel establécese unha achega municipal de 1.200 euros para o desenvolvemento das xornadas.

O acordo encádrase no obxectivo municipal de promover «accións relacionadas coa produción sostible e a alimentación de calidade, buscando unha visión integral dos diferentes procesos que se dan ao redor destas cuestións».

Lea también

Cariño conmemora el 25N con actividades varias

El Concello de Cariño conmemorará el 25N, Día Internacional para la Eliminación de la Violencia …