Moeche investirá 18.000€ na renovación da iluminación do pavillón municipal

O cambio a led da iluminación do pavillón municipal será unha das próximas actuacións que leve a cabo o Concello de Moeche en materia de eficiencia enerxética.

E é que as instalacións deportivas xa levan tempo requirindo un cambio tecnolóxico que non só contribúa a rebaixar o gasto eléctrico, senón tamén a mellorar as condicións lumínicas dun espazo moi utilizado nos seráns escuros do inverno. Por este motivo, o Goberno local encargou un proxecto cifrado en 18.000 euros, impostos incluídos, que reducirá nun 40,4% o consumo enerxético, ao tempo que se obterá case o dobre de luz sobre a pista e vinte veces máis nos vestiarios. Os traballos, que se licitarán en breve, financiaranse con cargo ao Plan Adicional da Deputación da Coruña

O pavillón dispón na actualidade de 46 puntos de luz, máis da metade deles (24) situados sobre a cancha. Son estes os que máis consomen de todo o recinto. De feito, segundo as medicións, dos 16.000 W instalados en equipamento lumínico, 12.000 correspóndense coas grandes lámpadas de haloxenuros metálicos que hai penduradas a uns 6,5 metros de altura.

Por tal e como están distribuídas e polo feito de que utilizan unha tecnoloxía xa obsoleta, gastadora e cun rendemento moi pobre, o estudo técnico propón retiralas e substituílas por modernas luces led. As vantaxes son varias. A principal é a redución do consumo,  posto que se pasará de 16.000 a 4.460 W. Malia a rebaixa da potencia instalada, a luz será aínda maior e tamén mellor. Os novos farois led duplicarán a luminosidade do recinto, sen contar con que ofrecerán unha ambientación máis uniforme e cunha reprodución da cor máis natural.

Ademais de cambiar a luz da zona deportiva, o proxecto tamén contempla o emprego da mesma tecnoloxía na zona de vestiarios, o que mellorará case vinte veces a iluminación das dependencias anexas á pista. Propón, ademais, substituír parte do cableado, as conexións e o cadro de mando, neste último caso co obxectivo de axeitar os niveis de luz ás necesidades de cada momento.

A este respecto, a instalación está deseñada para cumprir coa norma UNE 12193 para eventos de clase III, segundo o disposto polo Comité Superior de Deportes para superficies de adestramento de deportes de sala.

Segundo os cálculos que figuran no prego de características técnicas polo que se rexerá a licitación da subministración e instalación do novo equipamento, o aforro enerxético total será dun 40,4% e, en termos económicos, o aforro anual bruto, entre electricidade e gastos de mantemento, cífrase en 2.580€, de modo que o investimento necesario (18.000 euros) recuperaríase en menos de 7 anos.

Cómpre ter en conta, porén, que o gasto necesario para levar a cabo a transformación conta con financiamento da Deputación da Coruña a través do Plan Adicional. Moeche ten asignados para este e outros proxectos de inminente contratación unha contía total de 213.344,06 euros.

Lea también

Seis mozos de Cerdido fan historia no deporte local coa súa participación no Campionato Galego de Remo Ergómetro

Hugo, Jorge, Marcelo, Moisés, Oliver e Jorge xa forman parte da historia deportiva de Cerdido …