A pista polideportiva de Doso en Narón, acollerá este sábado 11 unha nova edición da “Recreación da esfolla”

A parroquia de Doso acollerá este sábado a tradicional Recreación da Esfolla, unha cita que terá lugar a partir das 17.00 horas na pista polideportiva. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presentou este martes a convocatoria acompañada por Diana Lata, integrante da directiva da AVV “A Naveira”, de Doso, e Pepucha Calvo, unha das veciñas da parroquia que se encargará de cociñar os preto de 50 litros de chocolate que se servirán, de balde, durante a tarde.

A programación prevista dará comezo ás 17.00 horas partirán do rueiro da Braña carros cargados con mazarocas de maínzo. Dirixiranse ata a pista polideportiva de Doso, onde serán recibidos polas persoas que acudan á convocatoria. Baixo unha carpa instalada para a ocasión na pista polideportiva desenvolverase un obradoiro de bonecos de follas de maínzo e haberá unha exposición dos realizados nos centros de ensino da cidade, organizados dende o Padroado da Cultura. Para ambientar a xornada actuarán os grupos do  Padroado da Cultura.

A continuación, sobre as 18:30 horas, iniciarase a esfolla do maínzo, na que poden participar todas as persoas que o desexen. Un ano máis, organizouse a cuarta edición do “campionato mundial de debagado de maínzo”, tal e como recordaron dende a entidade veciñal, no que os participantes competirán para debagar nun tempo determinado a maior cantidade posible.

Outra das propostas da xornada será o concurso de sobremesas, ao que se fai un chamamento especial para a participación tanto da veciñanza da parroquia como de todas as persoas que se acheguen. Poderán levar a sobremesa que desexen para participar na convocatoria, sendo un xurado o que valorará cada unha das elaboracións co fin de outorgalles premios ás que obteñan a maior puntuación. Unha vez valoradas as sobremesas, poderán degustalas todas as persoas que o desexen. Tamén como sobremesa se servirá chocolate quente, elaborado por veciñas de Doso, entre elas Pepucha Calvo, que xunto con outras mulleres se encarga de preparalo “máis de vinte anos”, tal e como ela mesma recorda.

Ás 19:15 horas actuará a charanga Alxibeira, para amenizar a convocatoria e ás 20:00 está prevista a entrega dos premios tanto do concurso de sobremesas como do campionato mundial de debagado de maínzo. Finalmente, ás 20:45 horas actuará a formación “Nimbos”. Dende a entidade veciñal e o Concello animaron á cidadanía a acudir á recreación da esfolla en Doso, naqueles casos que o consideren, vestidos con roupas propias do século XX para ambientar esta celebración tradicional dos núcleos rurais.

Ferreiro destacou o labor da Asociación de Veciños “A Naveira”, que xunto co Padroado da Cultura continúa apostando por “manter viva esta tradición e transmitila ás diferentes xeracións como parte da nosa historia”.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …