‘A provincia que Sabe’ brilla na primeira xornada do Fórum Gastronómic de Barcelona

As actividades da área de Turismo da Deputación da Coruña, entre as que se atopan a elaboración da queimada, showcookings e charlas, transcorren con gran éxito na primeira xornada do Fórum

Os asistentes ao stand da Deputación no Fórum Gastronómic de Barcelona están a participar nesta primeira xornada nas actividades desenvolvidas pola área de turismo para exhibir a riqueza gastronómica da provincia da Coruña. Baixo o selo ‘A provincia que sabe’, a entidade leva a cabo showcookings, degustacións, exposicións e ata unha queimada.

Todo iso, da man de cociñeiros, profesionais e produtores locais, que aprobeitan o escaparate que supón este gran evento gastronómico para exhibir o seu bo facer. “Nun Fórum repleto de xente, con moito público profesional que ven na busca de novas e diferentes maneiras de elaborar o produto”, apunta o vicepresidente da Deputación e deputado de turismo, Xosé Regueira.

Showcookings e degustacións

Os fogóns de Pepe Senande, do restaurante “A Muradana de Muros” inauguraron os showcookings desta edición, cun menú composto por un risotto de centola da ría e tempura de berberechos e alioli de alga percebe, que conquistou os padais de todos os asistentes, nunha xornada que comezou coa degustación dos vermús green Mixology e Bravú.

Continúa cunha degustación de fabada celta a cargo da Despensa D’Lujo, para posteriormente celebrar unha cata comentada a cargo de Juan Chamorro, enólogo de Adega Cazapitas.

A queimada arde no Fórum

O prato forte deste ano é a elaboración do ritual tradicional da queimada, que arderá no Fórum ás 16:00 horas da man de Miguel Queiro e Gonzalo Viñas. Esta actividade repetirase os tres días á mesma hora.

Para finalizar o día, os cociñeiros Adrián Loureiro e Alberto Cuenda, de Furna Atlántica de Caión (A Laracha) cociñarán unha caldeirada de peixe de tempada de Caión ao estilo tradicional, e un molete de tenreira galega ao estilo da Furna.

“Sabores e saberes” tradicionais

Ademais das propias degustacións, o stand de Turismo da Deputación da Coruña da cabida a varias marcas de produtos agroalimentarios da provincia, que están presentes de forma permanente durante os tres días de Fórum:

-A Conserveira: conservas de peixes e mariscos de alta calidade

-A Despensa D´Lujo: legumes, patacas e produtos da horta directamente do campo

-Bonilla a la vista: patacas de máxima calidade fritidas con aceite de oliva e sal mariño

-Costumes Galicia: empanadas artesanais elaboradas a man coa mellor receita tradicional

-Queixo Galmesán: queixo de pasta dura cocida no que a súa elaboración segue a técnica dos queixos tradicionais de pasta prensada cocida e de longa maduración

-Choiva Viños: Todos os viños elaborados na provincia da Coruña

Produtores e profesionais de primeiro nivel

Todos estes produtos que se exhiben no Fórum Gastronómic son de primeiro nivel, algúns deles contan con galardóns internacionais. Exemplo diso son A Despensa D’Lujo que, dende Carballo, abastece cos seus alimentos locais osmellores restaurantes de todo o Estado (El Celler de Can Roca, Diverxo, Restaurante Gaytán…). E o queixo Galmesán, que foi premiado este ano nos World Cheese Awards como un dos 17 mellores queixos españois.

“Para os produtores é moi interesante participar neste tipo de eventos moi especializados, onde se valoran especialmente os produtos moi vinculados aos territorios” afirma Regueira. “Ademais de darlles visibilidade, atopan novas oportunidades de negocio e posibilidades de crecemento”.

A Deputación inaugura así o seu stand deste ano no Fórum Gastronómic, cunha programación que continuará mañá día 7 e pasado mañá, día 8, que seguirá o mesmo formato. Durante os 3 días, representaranse catro xeodestinos (Ría de Muros – Noia; Costa da Morte; Ferrolterra e As Mariñas) da man de cociñeiros, produtos e empresas que os representan gastronómica e socialmente.

Lea también

La Policía Nacional alerta ante un nuevo repunte de estafas en inversiones en criptomonedas

La Policía Nacional ha detectado un repunte significativo de estafas en Galicia en las últimas …