A concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, presento a xornada Retos para o benestar comunitario, que se celebra o mércores 15 de novembro con motivo do Día Internacional das persoas en situación sen fogar.
Na cita, que se celebrará no salón de actos do Edificio Social (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35-47), participarán diversos expertos do ámbito.
A edil informou do cronograma da xornada, que inaugurará o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, ás 09:00 horas, e que contará, ás 09:30 horas, co faladoiro Estigma, persoas sen fogar e drogas a cargo de Joseph Rovira Guardiola e coordinado pola concelleira.
Estará seguida polo relatorio Un traballo, unha habitación e un gato. As mulleres en situación de sen fogar en España atendidas por Cáritas, de María Santos, que estará presentado pola coordinadora da Cocina Económica de Ferrol, María Sanjuan.
A xornada finalizará cunha mesa de debate sobre a Complementariedade das actuacións das entidades que traballan na cidade e análise das fortalezas e debilidades, na que participarán a traballadora social de Provivienda, Pilar Nogueiras, a traballadora social de Dignidad, Dulce Miraz, e a traballadora social do Albergue Pardo de Atín e de Asfedro, Helena Ínsua. A mesa estará presentada pola coordinadora de Cruz Vermella, Adriana Diéguez.
Durante a presentación, a concelleira estivo acompañada por representantes de Dignidad, Provivienda e Albergue Pardo de Atín. Todos eles coincidiron na necesidade de celebrar esta xornada e agradeceron ao Concello de Ferrol a iniciativa. “Trátase dun traballo coordinado en rede que é moi importante para chegar a cubrir as necesidades das persoas sen fogar”, concluíu Rosa Martínez.
A xornada está dirixida a persoal técnico e tamén á cidadanía en xeral. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de novembro. A asistencia á xornada poderá ser presencial ou virtual, pero en ambos casos será preciso inscribirse a través do formulario que se atopa na páxina web do Concello.
Charlas sobre saúde mental
Por outra banda, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, o Concello de Ferrol está a desenvolver, en colaboración coa Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e o Servizo de saúde mental da Área Sanitaria de Ferrol, un total de oito charlas que comezaron o pasado mes de outubro e que teñen lugar en diferentes entidades veciñais da cidade.
As próximas celebraranse este venres, 3 de novembro, no centro cívico de Caranza e o luns, 6 de novembro, no local da asociación de veciños de Covas, ambas ás 19.00 horas.