Se convoca en San Sadurniño un pleno urxente para tratar máis de 300.000€ en investimentos

A corporación municipal de San Sadurniño está convocada para o serán deste xoves 2 de novembro a un pleno de carácter extraordinario que leva na orde do día tres puntos principais e, deles, dous referidos a investimentos en distintas infraestruturas.

O primeiro dos asuntos que se tratará será a solicitude á Deputación da Coruña dunha axuda nominativa de 50.000 euros para acometer varias reparacións no vaso e nas dependencias da piscina municipal, cuxo importe ascende a algo máis de 64.000 euros.

O segundo grande tema que figura na convocatoria é a incorporación ao orzamento municipal de cerca de 236.000 euros procedentes dos remanentes de tesouraría para gastos xerais cos que se pechou a conta de 2022.

Máis da metade desa cantidade dedicarase a acomodar investimentos na rede viaria e na de saneamento, pero tamén noutras infraestruturas e equipamentos, como é o caso dos xogos do novo patio cuberto de Infantil no CPI, o pintado da Casa da Xuventude ou a compra de mobiliario para a Casa da Cultura. A sesión comezará ás 19:30h e, se non hai fallos técnicos, poderá seguirse ao vivo a través da canle de Youtube do Concello de San Sadurniño.

A incorporación de remanentes permitiralle ao Concello incrementar partidas do orzamento municipal que non dispuñan dunha consignación suficiente para levar a cabo proxectos considerados urxentes, ou ben para crear apartados novos no capítulo de investimentos que non estaban previstos a principios de ano.

Así, do montante total de 235.864,07 que se integrarán no documento orzamentario, 174.409,48 euros irán dedicados a reforzar os fondos para obras viarias, sobre todo a pavimentación da pista A Veiga-O Castro, en Bardaos, cuantificada en 94.409,48 euros.

A obra incluírase como previsión no Plan Complementario da Deputación, en espera de que o ente supramunicipal liberase unha partida adicional ao longo deste ano para poder levala a cabo. Finalmente o proxecto non se acolleu ao financiamento provincial e agora sufragarase con fondos propios do Concello, unha vez que se aprobe en pleno o suplemento de crédito.

Deste modo, a partida correspondente medrará dos 310.000 até os 484.000 euros, contando nese incremento os 80.000 euros xustos cos que se acometerán outras actuacións de conservación da rede viaria municipal.

Os 61.454 euros restantes até completar o suplemento de crédito no orzamento municipal repártense entre a merca de mobiliario para a Casa da Cultura, a mellora do illamento da Casa da Xuventude, a compra de xogos para o novo patio cuberto de Educación Infantil do CPI de San Sadurniño e, por último, o acomodo orzamentario da última certificación das obras de saneamento entre Silvalonga e Piñeiro.

Melloras na piscina municipal

Por outra banda, e como primeiro tema da parte resolutiva do pleno deste xoves, a Corporación tamén votará a solicitude á Deputación dunha subvención nominativa por valor de 50.000 euros para distintas melloras na piscina municipal e nas súas dependencias anexas.

A achega provincial cubrirá o 80% do investimento necesario para impermeabilizar e acondicionar o vaso, renovar o peche perimetral e reparar os canalóns da cuberta dos vestiarios. O proxecto está cuantificado en algo máis de 64.000 euros.

O terceiro e último asunto da orde do día será a votación sobre a declaración de utilidade pública das obras de reparación da envolvente e de mellora da eficiencia enerxética do local social da Torre, en Igrexafeita, de cara a que a A.VV.

Adiante poida beneficiarse dunha bonificación do 50% no Imposto de Construcións e Obras (ICIO). Os traballos, a piques de finalizar, contan ademais cunha axuda municipal de 15.000 euros, gracias ao convenio subscrito entre o Concello e a entidade o pasado mes de agosto

Pleno extraordinario do 20 de outubro 2023

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …