O Concello de Narón celebra este sábado, día 28, o Día Internacional das Bibliotecas, unha xornada que se conmemora este martes 24 e para a que se programaron dende o goberno local varias actividades este mes, iniciadas o pasado día 7.
A edil responsable da área, Olga Ameneiro, desprazouse ás instalacións, onde continúa esta semana a iniciativa “Trocolibro”, de intercambio de libros que non se incorporaron aos fondos das instalacións, e que está tendo moi boa acollida entre a cidadanía.
Así mesmo, nas citadas instalacións hai varias mesas nas que se poden coller algunhas obras e outros materiais que se expurgaron este verán, continuando estes días a disposición da veciñanza, que poderá levalos ás súas casas. A maiores, tamén aproveitando esta data, a concelleira puido ler as mensaxes que os usuarios están deixando estes días nun tablón instalado xunto ao mostrador e no que se solicita que indiquen o que lles gusta, o que cambiarían e o que engaderían ao servizo.
As persoas que colaboren levarán como agasallo unha bolsa reutilizable da Biblioteca. “Continuamos desenvolvendo unha variada programación para celebrar esta xornada”, asegurou Ameneiro, que animou ás usuarias e usuarios das instalacións “a achegarse tanto á Biblioteca como á Axencia de Lectura da Gándara para facer uso dos servizos que se prestan e tamén do material co que contan”.
A edil naronesa recordou ademais que mañá mércores abrirá o prazo para inscribirse no obradoiro de maxia que se celebrará este sábado, no marco do programa do Día Internacional das Bibliotecas, na Praza de Galicia. O Mago Noel será o protagonista desta cita, que dará comezo ás 17.00 horas e se dirixe a menores de 6 a 10 anos.
As persoas interesadas en participar deberán anotarse a partir das 16.00 horas deste mércores 25 no mostrador da sala de adultos da Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173