Narón celebra o Samaín cun variado programa de actividades

A alcaldesa da cidade de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou xunto con Pepe
López e María Porto, secretario e vogal respectivamente da Agrupación Veciñal de San Mateo ,e Alberto Pena, presidente do Cineclube Serie B a programación deseñada para celebrar a festividade do Samaín.

A programación abrirá o luns día 30 no Pazo da Cultura, onde se poderá ver ás 19.00 horas a película “Frankenweenie”, de Tim Burton. Trátase dunha proposta de animación infantil na que se realiza unha homenaxe ao cine de terror dos anos 30 e 40. O filme conta a historia do amor dun neno polo seu can e a dificultade que atravesa para tratar de asimilar a súa perda, cunha potente mensaxe sobre a nostalxia e o valor da amizade.

Alberto Pena incidiu en que se trata dunha película apta “para nenos e non tan nenos”, que se enmarca nunha proxección organizada polo Cineclube Serie B en colaboración co Padroado da Cultura, a Federación de Cineclubes de Galicia e a Xunta de Galicia.

A entrada é de balde, debendo retirar as entradas no despacho de billetes do Pazo.

A seguinte cita será o martes 31 na parroquia de San Mateo, onde o Padroado da Cultura, xunto coa Agrupación Veciñal da parroquia, organizaron un ano máis un completo programa para que poidan desfrutar do Samaín persoas de todas as idades.

Ás 17.00 horas poderase ver unha exposición de cabazas realizadas con alumnado de terceiro e cuarto de Primaria de centros escolares da cidade a través dun obradoiro impulsado dende o Padroado da Cultura e tamén a esa hora iniciaranse obradoiros de cabazas e maquillaxe nos que poderán participar as persoas que o desexen.

A continuación, ás 19.00 horas, dará comezo o espectáculo “Abracadaver”, de Assicópatas, un espectáculo concebido a modo de cura colectiva para perder o medo con números de circo terroríficos nos que o público, de todas as idades, disfrutará dos malabares, fariquismo, música…

Ás 20.00 horas partirá das inmediacións do local social a tradicional “Comitiva de Luces e Tebras”, un percorrido “terrorífico” de aproximadamente quilómetro e medio polas inmediacións do Centro Cívico Social de San Mateo e no que os caminantes portarán candeas para alumear na escuridade.

Ás 21.15 horas pechará a programación do Samaín deste ano, unha actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura.

Un ano máis, non faltarán nesta cita o afamado caldo e os liscos que prepararán representantes da Agrupación Veciñal de San Mateo e que se servirán a un prezo simbólico de dous euros. Os tickets poderán adquirirse na zona da carpa, tal e como indicaron os representantes da entidade veciñal.

Ferreiro animou á veciñanza a “acudir a estes actos convocados con motivo do Samaín, mantendo máis viva que nunca na nosa cidade esta celebración coa que antigamente se celebraba o cambio de estación, do verán ao inverno”.

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …