O martes 24 de outubro, celebrarase, ás 19:30 h, no Antigo Hospicio, en Ferrol, a presentación de «As voces amadas», de Lois Diéguez, organizada pola Sociedade Cultural Medulio
Acompañando o autor, estarán Francisco Rodríguez, historiador e crítico literario; María Barcala, actriz; e Xulio Lago, director de teatro.
Regresa así, Lois Dieguez a casa, pois foi no ano 1968, na hoxe mítica colección Illa Nova de Galaxia, cando fixo o seu debut coa novela «A torre de Babel», aquela iniciática historia con limiar de Manuel María, en que relataba a marcha a estudiar a Madrid e súa estadía nesta cidade dun mozo galego, Daniel, dentro dos parámetros do que logo se deu en chamar a Nova Narrativa Galega, da que el foi un dos seus destacados representantes.
Regresa polo tanto con «As voces amadas» unha voz narrativa que sempre estivo na vangarda das nosas letras, e faino cunha novela na que arrisca de novo, unha obra polifónica e anovadora. Como advirte o autor ao posible lector: le, pois, as personaxes para sentirte, coma eles, libre ou escravo, ou diferente, e crear saíndo das regras da propia novela ou sociedade, aquelas aventuras que sempre pensaches, as que nunca fuches quen de conseguir agarrar coas túas mans, co propio cerebro enferruxado.
Comina, en fin, Lois Dieguez, ao lector, a que viva por si mesmo, acaso de xeito distinto, estas personaxes de «As voces amadas». A sexa el mesmo, ela mesma, na recreación.
Lede pois a Lois Dieguez, que é o de sempre, ou non, pero que segue entendendo a literatura como salvación e liberdade, como xeito de sentir o que os humanos podemos sufrir ou gozar por nós mesmos. Ser humanos. Ser galegos; cidadáns, así, do mundo. «As vosas voces amadas», as nosas, as de todos, agardan por vós. Escoitádeas, lédeas, sentídeas. Non vos deixaran indiferentes.