Un convenio entre COGAMI e Política Social beneficia a máis de 20.000 persoas con discapacidade

Un convenio asinado pola Consellería de Política Social e Xuventude e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) colabora no desenvolvemento de programas de atención de persoas con discapacidade e familias, ademais de apoiar o mantemento tanto da Confederación como das súas entidades membro, contabilizando arestora 58 asociacións.

Cunha financiación que ascende a 1.746.961€, a través deste convenio desenvólvense servizos que contribúen a mellorar a calidade de vida e autonomía das persoas con discapacidade, cunha estimación que vai superar a atención de máis de 27.000 persoas a finais de ano. A través do programa de información, asesoramento e orientación, ofrécese ampla información sobre cuestións como a accesibilidade, produtos de apoio, prestacións, axudas económicas, educación, lexislación e formación, dirixidos tanto ás persoas con discapacidade como ás súas familias e á sociedade en xeral.

COGAMI e o seu movemento asociativo promocionan a autonomía persoal orientada á prevención da dependencia fomentando a saúde a través da realización de actividade física coa práctica de exercicios de ximnasia, natación e fisioterapia. Outro dos programas que se desenvolven a través deste convenio é o de intervención social, con especial incidencia na muller con discapacidade embarazada e lactante e tamén nas persoas con grande discapacidade.

É importante sensibilizar e concienciar sobre a discapacidade, tanto ás persoas que a teñen como ás súas familias e, por suposto, ao resto da sociedade. Neste convenio inclúense charlas de prevención de lesión medular, xornadas de sensibilización e concienciación coa discapacidade, así como aspectos psicosociais da discapacidade. Co fin de mellorar a cualificación profesional e académica, ofrécese formación e intermediación laboral coa programación de cursos de formación básica e obradoiros combinados con accións encamiñadas a potenciar o acceso ao mercado de traballo, incorporando de xeito transversal o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a perspectiva de xénero no seu deseño e execución.

Outros programas que tamén se financian a través deste convenio están relacionados co fomento do voluntariado, coa programación e desenvolvemento de actividades de lecer para fomentar a participación social das persoas con discapacidade e tamén para apoiar o movemento asociativo para que poidan levar adiante os seus fins.

Lea también

La Península vivirá una intensa ola de calor al menos del domingo al martes

MeteoGalicia mantiene hasta el sábado aviso amarillo por altas temperaturas y vientos en varias zonas …