San Sadurniño adianta a celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais

Casa da Cultura

O 15 de outubro, que este ano cae en domingo, está declarado polas Nacións Unidas como o Día Internacional das Mulleres Rurais, a xeito de reivindicación do peso específico que temos as mulleres no sostemento do medio, sobre todo da agricultura e a produción de alimentos, e como posta de manifesto das desigualdades de todo tipo que seguimos sufrindo por razón de xénero (por machismo estrutural, digámolo claramente), que son aínda máis acusadas nos países empobrecidos

Canda o 8 de Marzo, Día da Muller, e o 25 de Novembro, Día da eliminación da violencia contra das mulleres e nenas, o 15 de outubro foi facéndose pouco a pouco un oco sinalado nas axendas institucionais como data de chamada de atención social.

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño celebra o Día Internacional das Mulleres rurais este sábado 14 de outubro programando pola mañá un encontro coa narración oral protagonizado por Vero Rilo e Sonsoles Penadique e, deseguido, un obradoiro de risoterapia ofrecido por Baia Fernández

Rilo e Penadique traerannos unha adaptación do seu espectáculo «Asdomare», no que elas narran, cantan e musican historias sobre as mulleres do mar, ou o mar de mulleres.

«É a senda dos faros que alumean A Maruxaina, A pedra do cu da raíña, Os cantos das conserveiras… Asdomare é todo o que o mar quita, todo o que o mar deixa» avanza a ficha artística dispoñible na web de Culturactiva para resumir a esencia dunha proposta de aires mareiros e mariñeiros en feminino.

Con todo, e de aí o da adaptación, Vero e Sonsoles, a primeira a cargo da narración e a segunda termadora da música, variarán o libreto para introduciren historias das terras máis cara ao interior, buscando desa maneira un mostrario máis rico e representativo da nosa afouteza.

«Asdomare» tamén mudará un chisco a escenografía, xa que a idea das áreas de Cultura e Igualdade é iniciar o espectáculo ás 11:00h no adro do convento do Rosario e ir vindo pouco a pouco, a xeito de paseo, até rematalo sobre as 12:00h na Casa da Xuventude. Se chovese, todo irá para a Casa da Cultura.

Trátase dun espectáculo financiado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Obradoiro de risoterapia

Xusto ao remate de «Asdomare», a iso das 12:00h, na Casa da Cultura comezará o obradoiro «ARI. Abrazando a risa interior», ofrecido pola adestradora emocional Baia Fernández

O seu método, pensado para ser posto en práctica en grupo, baséase na consciencia corporal, no control da respiración, na comprensión emocional, na relaxación «e, por suposto, na risa», coa finalidade de «mellorar a nosa saúde e atopar a paz interior» por medio da gargallada. 

E é que a risa é unha ferramenta moi útil para manter en forma corpo e cabeza. Disque unha gargallada pode mobilizar ata 400 músculos e que 20 segundos rindo a cachón son equiparables, anque non sexa ben igual, a tres minutos de exercicio aeróbico.

Por outra banda, hai beneficios menos apreciables a simple vista como a liberación das coñecidas como «hormonas da felicidade», que son a dopamina, responsable dun estado de pracer, e a serotonina que, entre outras funcións, ten a función de regularnos o estado ánimo.

Para o obradoiro «Abrazando a risa interior» ofrécense 20 prazas gratuitas, que se irán asignando por orde de solicitude de aquí ao venres a través do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou do teléfono 695 876 178.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …