A Biblioteca municipal de Narón acollerá este mes unha variada programación con motivo do Mes da Biblioteca. A edil responsable da área, Olga Ameneiro, avanzou as propostas que se desenvolverán dende este luns, día 9, e ata finais de mes, concretamente o día 28, no que se conmemorará o Día Internacional das Bibliotecas. A concelleira naronesa realizou un chamamento á cidadanía para que participe nas diferentes propostas, dirixidas a persoas de todas as idades.
“Libros en busca de fogar” é a iniciativa que se levará a cabo dende estevenres ata o día 20, e que consiste en ofrecer na planta baixa da sección de adultos/as as obras expurgadas durante este verán. No horario de apertura da biblioteca as persoas que o desexen poderán retirar as publicacións que se localicen nese espazo e poidan resultar do seu interese.
A programación continuará o mércores 18 coa presentación do libro “El secreto de Andrea”, da escritora naronesa María Isabel Ramos Breijo. O acto, aberto á cidadanía en xeral, dará comezo ás 18.30 horas na sala de actividades da Biblioteca.
Na semana do 23 deste mes, ata o día 27 desenvolverase –tamén no horario de apertura da Biblioteca municipal e da Axencia de Lectura municipal da Gándara unha nova edición de “Trocolibro”. Disporase unha mesa nas citadas instalacións dende a que se ofrecerán ás usuarias e usuarios libros que a biblioteca non incorporou aos seus fondos e que poderán levar de balde. Así mesmo, a través desta proposta, as usuarias e usuarios poderán deixar libros que xa non precisen e que desexen compartir. Cada persoa poderá levar e/ou
deixar un máximo de dous libros por día. Esa mesma semana, o mércores 24 convocarase un obradoiro de decoración, dirixido a mozas e mozos e persoas adultas para conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas. Os participantes elaborarán dúas grilandas de temática relacionada co libro e a lectura. Para acudir a este obradoiro será preciso inscribirse previamente, a partir do mércores 18 de outubro ás 16.00 horas no mostrador da sala de adultos/as ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.
As visitas guiadas á Bilbioteca regresarán de novo os días 26 e 27 deste mes –ás 18.00 e 17.00 horas, respectivamente- e tamén se programou unha o día 27 -17.30 horas- á Axencia de Lectura municipal da Gándara. As persoas que desexen acudir a estas visitas guiadas polas instalacións, onde poderán coñecer todos os servizos que se prestan nelas, deberán anotarse a partir do 23 deste mes ás 9.30 horas nas instalacións ou chamando ao teléfono 981 382173.
Finalmente, o 28 de outubro celebrarase o Día Internacional das Bibliotecas na Praza de Galicia. Entre as 11.00 e as 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas sucederanse varias propostas para conmemorar esta data. Ás 11.30 comezará o obradoiro para bebés (0 a 3 anos) “Carapuchiña vermella e os cinco lobiños”, de Ángeles Goás e con música de Cristina Castro; ás 12.00 será o turno do contacontos infantil (a partir de 2 anos) “Os contos do traxugas”, de César Nó. Pola tarde, ás 17.00 iniciarase un obradoiro de maxia co Mago Noel (para menores de 6 a 10 anos) e ás 18.30 horas o espectáculo de maxia (para todos os públicos) “Que curioso!”, do Mago Noel. Todas as actividades son de balde e tan só é preciso inscrición previa para o obradoiro de maxia, debendo anotarse dende o 25 deste mes ás 16.00 horas na sala de adultos da Biblioteca ou chamando por teléfono ás citadas instalacións. A entrada ao resto de actividades é libre ata completar o aforo.