O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol pediu ao goberno local de Ferrol «un maior esforzo á hora de planificar as medidas correctoras do impacto que provocan as obras do bulevar das Pías no conxunto dos veciños da cidade e moito máis concretamente dos veciños dos barrios de Ultramar e Caranza»
Iván Rivas considera necesario «que se produza un encontro entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e representantes municipais e veciñais para dar conta e informar aos veciños e veciñas da planificación das obras prevendo as medidas correctoras necesarias que permitan á veciñanza desenvolver as súas actividades con normalidade»
O BNG lembra que «estas obras de urbanización do proxecto de humanización da estrada das pías iniciadas hai meses caracterízáronse, desde o seu inicio, por unha falla de comunicación entre os responsábeis das obras e a veciñanza dos barrios afectados polos traballos, coa pasividade da institución municipal»
O BNG considera que «se debería ter previsto carrís de acceso provisional a estes barrios compatibles co desenvolvemento dos traballos e amosa a súa preocupación polos efectos negativos que estas obras están a causar no transporte público da cidade tanto pola perda de paradas como polos retrasos que ocasinan nos servizos que se prestan»
Iván Rivas sinala que «non parece lóxico que uns traballos que van durar anos non estean planificadas nen coordenados para dar solución ás necesidades dos veciños e veciñas, se actúe a golpe de improvisación e colla por sorpresa a veciñanza».