O pleno do Concello de As Pontes aprobou durante unha sesión plenaria extraordinaria urxente, o proxecto de reurbanización da Praza do Barreiro, unha actuación cun orzamento de 372.644 euros con cargo á Deputación da Coruña.
O proxecto, que continúa coas actuacións levadas a cabo polo goberno local nos últimos anos, ten como obxectivo incrementar os niveis de funcionalidade, seguridade, accesibilidade, eficiencia enerxética, calidade ambiental e sustentabilidade nesta área de lecer e esparexemento e con tal finalidade crearanse zonas de estanza e reunión así como unha área de xogo, que permitirá a a participación, interacción e desenvolvemento de habilidades dos nenos e nenas,introducidas nunha ampla superficie axardinada e vías de tránsito e de comunicación cos edificios que rodean a praza, eliminando as barreiras físicas existentes e creando itinerarios accesibles.
“Na actualidade a Praza do Barreiro ocupa dentro do barrio unha superficie de 2.500 m2, configurándose en dous niveis comunicados por unha ampla escaleira central, tendo en conta que se trata dun espazo público inserido entre bloques residenciais, proponse a creación de dous grandes espazos axardinados, un ao sur orientado ao xogo e outro ao norte con zonas de descanso, deseñándose amplos sendeiros peonís, dentro nunha alameda tradicional ” apuntan desde o Concello das Pontes.
O proxecto aprobado tamén contempla a mellora dos accesos aos edificios, mantendo ao mesmo tempo a privacidade nas vivendas mediante a implantación de bandas verdes axardinadas perimetrais.
Asi mesmo procederase á instalación de nova canalización eléctrica e novos farois e luminarias led e tamén se executará unha rede de drenaxe de pluviais conectada á rede de saneamento municipal existente, así como a posta a cota das arquetas e pozos existentes e a colocación de novas tapas de rexistro en cada un deles.
Por outra banda instalarase unha rede de rega automática para proporcionar a auga necesaria ás zonas axardinadas e finalmente equiparase o ámbito con mobiliario urbano de plástico reciclado mediante a colocación de bancos e papeleiras.
APROBACIÓN DOUTROS PROXECTOS
Durante o pleno municipal tamén foro aprobados outros proxectos con cargo ao POS Adicional da Deputación da Coruña, así aprobouse o proxecto básico e de execución de renovación e pavimento da Rúa Real (fase 2) cun orzamento de 89.518,80 €, o proxecto de mellora da pavimentación e servizos na rúa do Sol valorado en 222.449,80 €, os proxectos de reparación e mellora do firme no Cameleiro, a pavimentación de viarios na parroquia de San Xoán do Freixo así como a reparación da capa de rodaxe nos viarios de O Rego, o Couce e o Castro, cun orzamento de 36.130,49 €, 113.730,10 € e 36.130,49 €, respectivamente.