O pleno de San Sadurniño reúnese para votar unha conta xeral con máis de 1M€ en remanentes

O pleno municipal de San Sadurniño volverá reunirse en sesión ordinaria na tarde deste xoves 29 de setembro con tres puntos principais na súa parte resolutiva. Neste sentido, a corporación municipal deberá debater e votar en primeiro lugar as cifras da conta xeral de 2022, que apuntan uns remanentes de tesouraría para gastos xerais de 1.021.601,71€, así como un total de 1.075.456,64 euros de fondos líquidos.

As outras dúas cuestións para deliberación e, de ser o caso, acordo, céntranse no nomeamento da xuíza de Paz titular e da substituta trala conclusión do procedemento aberto polo Concello o pasado mes de xullo e, por outra banda, na aprobación do destino dos fondos provenientes do POS+ Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña, que ascenden a 188.745,50 euros.

O pleno está fixado para as 19:30h en primeira convocatoria e se non hai impedimentos técnicos poderá seguirse ao vivo a través de youtube, con ligazón compartida no Facebook municipal. Ao tratarse dunha sesión de carácter ordinario tamén incorpora un apartado final de rogos e preguntas que adoita ocupar boa parte do tempo. Porén, antes de chegar a esa parte haberá que tratar a dos asuntos que se expoñen, case sempre se debaten e sempre se votan.

O primeiro na orde do día será a aprobación da acta da sesión anterior, seguido do expediente relativo á conta xeral de 2022. Nel detállase o balance económico do ano pasado, que pechou con 1.075.456,64 euros en fondos líquidos. O resultado orzamentario axustado ascendeu  a 350.278,63 euros, mentres que o remanente de tesouraría xeral se situou en 1.632.795,64 euros. Este último dato, tras aplicar os saldos de dubidoso cobro, dá un remanente de tesouraría final -que pode dedicarse a novos investimentos- de 1.021.601,71 euros.

O terceiro tema para deliberación e votación será a proposta de nomear como xuíza de Paz titular a Patricia Calvo Hermida e como suplente a Lucía Villares Piñón, dúas das participantes no procedemento de elección iniciado en xullo polo Concello que, ademais, xa viñan desempeñando esas funcións. Ambos nomeamentos foron aprobados no seo da Comisión Informativa de Asuntos do Pleno, de maneira que, previsiblemente, serán ratificados este xoves pola tarde por unanimidade do máximo órgano de representación municipal.

O cuarto e último punto resolutivo da sesión será o referido ao POS+ Adicional 2/2023, coa proposta de refrendar o decreto da alcaldía mediante o que se destinarán a gastos correntes deste ano os 188.745,50€ liberados recentemente pola Deputación da Coruña.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …