Menores da asociación Áurega presentan en Narón dous proxectos na Biblioteca municipal

A Biblioteca municipal de Narón acolle a vindeira semana, o día 30, un acto no que pequenos científicos da asociación Áurega (familias de nenos con altas capacidades, talentos e inquedanzas intelectuais) presentan os seus proxectos. Así o avanzou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, que indicou que a actividade se desenvolverá entre as 11.00 e as 12.00 horas.

Dous grupos de menores de entre 4 e 6 anos traballaron durante a pasada tempada nos proxectos “O museo do Flororo” e “O libro dos animais en perigo de extinción”, que presentarán publicamente neste acto. No primeiro dos proxectos empregaron como referencia o conto “El museo de Tronquito” e crearon diferentes obras artísticas a partir de materiais de refugallo.

No caso de “O libro dos animais en perigo de extinción”, os menores investigaron sobre animais en perigo de extinción para escribir e deseñar un conto que representa os diferentes hábitats acompañado de maquetas que reproducen os animais e a súa contorna.

A presentación convócase a modo educativo e inspirador e as persoas que se acheguen terán a oportunidade de interactuar cos nenos e interesarse polos proxectos que se presentarán durante a xornada. O acto é aberto á cidadanía en xeral.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …